"Eliminar fisicamente" Putin? Isto di o ministro de Exteriores de Luxemburgo
Cando xa pasan sete días desde que o exército ruso comezase a bombardear diferentes cidades de Ucraína, a postura dos países membros da Unión Europea foise volvendo cada vez máis belixerante, chegando incluso a pór enriba da mesa a opción de "eliminar fisicamente" o presidente de Rusia, Vladimir Putin.
Nestes termos expresouse o ministro de Exteriores de Luxemburgo, Jean Asselborn, quen afirmou que mentres Putin siga a dirixir Rusia "non haberá solución" para a situación en Ucraína, e asegurou que "oxalá se puidese eliminar fisicamente para detelo. Seméllame a única opción".
Ante a polémica das súas palabras, o propio Asselborn tivo que saír a retractarse e dar explicacións. Escusouse en que as declaracións, "un erro", como el definiu, tiveron lugar despois de coñecer a denuncia dos bombardeos na cidade de Járkov.
"Aínda que leve 18 anos como ministro de Exteriores, non podo reprimir as miñas emocións e o meu sentido da xustiza fronte ao sufrimento humano de persoas inocentes", engadiu nun comunicado.
"Derrocar" o presidente de Rusia
Nas súas declaracións, o titular da carteira de Exteriores en Luxemburgo tamén afirmou que "se o pobo ruso soubera o número de mortos que (Putin) ten sobre a súa conciencia, o Kremlin sería derrocado".
Asselborn tamén sinalou a necesidade de dar a Ucraína unha resposta clara sobre a súa adhesión á Unión Europea (UE), após o presidente Volodimir Zelensky asinara unha petición formal para entrar na institución.
As polémicas palabras do ministro de Luxemburgo fixeron que varios partidos da oposición interpelaran o primeiro ministro, Xavier Bettel, para que fixese pública a súa postura ante as palabras do compañeiro de partido.