Elon Musk cede, cumpre coas demandas da Xustiza e pide ao Brasil que reactive X

A antiga Twitter comunica que respecta a soberanía brasileira.

O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).
photo_camera O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).

Pouco menos dun mes despois de que a Xustiza brasileira ordenara o bloqueo de X, rede social antes coñecida como Twitter, pola negativa do seu propietario, Elon Musk, a cumprir a lexislación brasileira e bloquear perfís por orde xudicial, a empresa emitiu a sexta feira un comunicado no que subliña que “está comprometido a protexer a liberdade de expresión dentro dos límites que marca a lei e recoñecemos o respecto e a soberanía dos países nos que estamos presentes”.

A publicación efectuouse horas despois de que o seu equipo legal presentara ao Supremo Tribunal Federal a resolución dos requirimentos efectuados polo xuíz Alexandre de Moraes, e que, ao negarse Musk a cumprilos, desatou o feche da plataforma no Brasil.

Nese sentido, a empresa pagou as multas correspondentes, fechou as contas de persoas usuarias ditaminadas pola Xustiza e nomeou unha nova representación legal, após destituír a anterior para intentar evitar cumprir as demandas xudiciais.

Agora é de Moraes quen ten que decidir se as medidas son suficientes e ergue a suspensión de Twitter.

Resposta de Lula

Musk arremetera contra el, chegando a cualificalo de “tirano” e “ditador” pola medida, o que provocou unha resposta do presidente brasileiro, o progresista Lula da Silva, que incidiu en que “todos e cada un dos cidadáns de calquera parte do mundo que teñen un investimento no Brasil están suxeitos á Constitución”, e “só porque un tipo teña moito diñeiro non significa que pode non respectar [a lei]”.

A orixe da disputa é a orde do maxistrado de fechar seis perfís de extrema dereita investigados pola Xustiza, ao que reaccionou Musk insistindo en que de Moraes buscaba censuralos.

Comentarios