Caída do PIB e maior incremento da inflación: así afectaría o "embargo total" da UE a Rusia

Os líderes da UE avogan por agravar as restricións sobre Moscova. (Foto: Igor Russak / DPA)
Un estudo do Banco de España debulla as consecuencias do veto que Bruxelas prepara aos produtos procedentes de Rusia por mor da invasión de Ucraína.

O Banco de España alertou esta terza feira de que unha hipotética interrupción das importacións de materias primas enerxéticas procedentes de Rusia podería ter un efecto significativo sobre a economía española, que sufriría un impacto sobre o PIB de entre 0,8% e 1,4% e un aumento da inflación de entre 0,8 e 1,2 puntos porcentuais ao longo do primeiro ano, en comparanza cun escenario sen as devanditas restricións.

De acordo co informe 'Consecuencias económicas dun hipotético fechamento comercial entre Rusia e a Unión Europea', no escenario considerado como máis probábel para o Banco de España, a redución sería de 1,1% do PIB e o incremento da inflación de 0,9 puntos porcentuais. "A dificultade para substituír os devanditos produtos a curto prazo suporía unha redución na oferta de enerxía e un agravamento do actual episodio inflacionista, o que implicaría, por ambas as vías, un lastre para a actividade económica", advertiu o organismo que encabeza Pablo Hernández de Cos no informe.

Sexa como for, o Banco de España subliñou que, dado que a dependencia a respecto da enerxía rusa é menor no Estado español que no resto das economías europeas, os efectos sobre a economía serían notabelmente máis reducidos. Así, sinalou que no caso de Alemaña o impacto situaríase entre 1,9% e 3,4%; entre 1,2% e 2% para Francia, e entre 2,3% e 3,9% para Italia. O impacto sobre o conxunto da UE ficaría entre 2,5% e 4,2% do PIB e un incremento de entre 1,6 e 2,7 puntos na taxa de inflación.

3% do gas e carbón consumido no Estado español e mais 2,5% dos derivados do petróleo proceden de Rusia

"Estes valores deben considerarse como impactos a curto prazo e cuxa magnitude iría reducíndose segundo aumentase a capacidade de substitución das importacións enerxéticas rusas", apuntou o organismo. De feito, as materias primas enerxéticas procedentes de Rusia son os produtos cuxa restrición de importacións podería ter un maior impacto sobre a actividade e os prezos das economías europeas. A intensidade do impacto sería heteroxénea entre os países da Unión Europea en función da súa dependencia enerxética de Rusia.

Arredor de 18% dos produtos da minaría enerxética —gas natural e carbón— e 9% dos produtos derivados do petróleo que se consomen na UE impórtanse de Rusia, fronte a 3% e 2,5%, respectivamente, no caso do Estado español. Agora ben, se a interrupción das importacións afectase só a minaría enerxética, a repercusión sería maior que no caso da suspensión das importacións de produtos derivados do petróleo. En concreto, as proporcións aproximadas dentro dos efectos totais serían, respectivamente, de 70% e 30%.

Acordo na UE para embargar o petróleo ruso

Esta mesma segunda feira os líderes da UE chegaron a un acordo para embargar parcialmente o petróleo ruso. "Isto cobre inmediatamente máis de dous terzos das importacións de petróleo de Rusia, cortando unha enorme fonte de financiamento para a súa maquinaria de guerra", explicou o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, logo dunha reunión que decorreu en Bruxelas.

En liñas xerais, os sectores máis afectados serían aqueles máis intensivos no uso de enerxía, como son o transporte, a industria de metais básicos ou a industria química, mentres que o efecto sería máis limitado para os sectores de servizos, cuxa actividade apenas se vería afectada. Con todo, a contracción do valor engadido en cada un dos sectores débese non só ao impacto directo debido ao encarecemento da enerxía, senón tamén á propagación destes efectos directos a través das cadeas de produción.

Por este motivo, o aumento de custos nalgúns sectores cun papel central nas cadeas produtivas, como, por exemplo, o transporte ou a industria química, repercutirá tamén sobre o resto das ramas, independentemente da intensidade enerxética destas últimas.

A inflación xa está en máximos

Esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE) daba a coñecer o dato avanzado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de maio, que situou a súa taxa interanual en 8,7%, catro décimas máis que en abril.

E hai un dato que comeza a preocupar as persoas expertas, e é o da estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados e produtos enerxéticos, os compoñentes máis volátiles—, que aumentou medio punto en maio, até 4,9%, o seu valor máis alto desde o mes de outubro de 1995.