Enfrontamentos entre antidisturbios e manifestantes ás portas do Museo de Lleida

Imaxe: @CDRsLleida

Unha orde xudicial obriga a devolver a Aragón 44 pezas e obras de arte sacra que levaban décadas neste museo catalán. A operación de traslado faise cando hai aínda 4 recursos contra o mesmo pendentes de resolución.

Desde primeiras horas desta segunda feira desenvólvese no Museo de Lleida unha operación policial para retirar 44 pezas de arte sacra procedentes doo mosteiro de Sixena (Huesca) e trasladalas a Aragón. Desde primeiras horas, tamén, ducias de persoas se concentraron perante o Museo para protestar contra o que cualifican como un “espolio” cometido baixo o paraugas da aplicación do artigo 155. Xa se produciron enfrontamentos e cargas. Directores de museos e museólogos concéntranse en Lleida para rexeitar o traslado das pezas, que chegaron á cidade catalá nos 70, cando os monxes de Sixena abandonaron o mosteiro para se trasladar a Barcelona. Vendéronse entón legalmente esas pezas de arte sacra.

 

O operativo policial procede dunha orde xudicial do xulgado de Instrución nº1 de Osca, que asinou unha providencia autorizando a Garda Civil a entrar no Museo de Lleida para recuperar esas obras. Unha decisión que adopta cando aínda fican pendentes de resolución catro recursos presentados contra o traslado das pezas.

 

A providencia do xulgado autorizando as forzas de seguridade a entrar no museo e levar as pezas para Aragón non foi recorrida pola Generalitat, gobernada agora desde o executivo español en aplicación do artigo 155. O ministro de Cultura, Méndez de Vigo, anunciou que darían cumprimento a esa resolución xudicial provisional, ordenando – en virtude do 155 el é o ‘conseller’ de Cultura- que así se faga.

 

Esta cuestión chega en plena campaña electoral para o 21D. As candidaturas independentistas falan de “aplicación do 155” para garantir un “espolio”. Desde forzas como Catalunya en Comù e PSC tamén se manifestaron contra este traslado.