As enquisas vaticinan unha vitoria de Syriza nas eleccións do domingo

O partido de Tsipras obtería entre o 31 e o 33% dos votos. Nos comicios de xaneiro logrou o 36,3%. Nova Democracia sería segunda forza (entre 21 e 31%, dependendo do inquérito). KKE superaría o 6% dos apoios e a Unidade Popular conseguiría entre o 3,5 e o 7,8%.

Grecia ten cita este domingo 20 de setembro coas urnas apenas nove meses despois das anteriores eleccións xerais, que decorreron en xaneiro. A demisión de Alexis Tsipras abreu a porta a uns comicios anticipados que -segundo enquisas e sondaxes destes últimos días- volverá gañar Syriza, que será a forza máis votada. Cómpre non esquecer a importante prima de deputad@s que o sistema electoral grego concede á forza con máis votos.

O inquérito de Rass Poll concede a Syriza un 31,5% dos apoios e 134 deputad@s. Nos comicios de xaneiro obtivera 36,3% e 149 escanos. O traballo de 'Public Issue' rebaixa un chisco o resultado do partido de Tsipras, que lograría o 31 por cento. Mellor resultado lle vaticina a enquisa de 'Bridging Europe' a Syriza, cun 32,8% dos votos e 142 parlamentares. Syriza atinxiría, pois, entre 134 e 142 deputad@s. A maioría absoluta do Parlamento está en 151.

Nova Democracia sería a segunda forza, segundo estes inquéritos, que atinxiría entre un 21 e un 31,% dos votos. Hai inquéritos ( Rass Poll) que dan un empate técnico entre ND e Syriza. O partido conservador lograría entre 69 e 83 representantes na Cámara lexislativa. Na actualidade posúe 76.

A extrema-dereita manteríase como terceira forza no Parlamento, se ben todos os inquéritos indican que terá un aumento en votos e representantes. Nos comicios de xaneiro logrou 17 parlamentares e 6,3% dos sufraxios. Nas eleccións deste domingo vaticínaselle entre un 7 e un 7,8% dos votos. A súa representación andaría n@s 20/22 deputad@s.

KKE e Unidade Popular

O Partido Comunista, KKE, superará o 6% dos votos, segundo toas as sondaxes, e aumentará a súa representación. Nas pasadas eleccións xerais obtivo 5,5% dos sufraxios e 15 deputad@s. Nestes comicios vaticíanlle que acadaría do 6,3 ao 6,6% e por volta de 18 escanos.

E a respeito de 'Unidade Popular', a formación nada da marcha do sector de esquerdas de Syriza, as enquisas e sondaxes apontan a que obtería entre un 3,5 ou 4% (Rass Poll e Public Issue) e un 7,8% (Brisging Europe). De aí que as proxeccións sobre a súa representación na Cámara varíe entre os 9 e os 22 deputados.

O PASOK (Partido Socialista), tería entre 11 e 15 escanos. E Tamén manterían representación formacións como Potami ou Gregos Independentes -coas que goberno Syriza- e que permitirían a Tsipras atinxir acordos de goberno.