Catalunya

ERC admite que unha detención de Puigdemont podería atrasar o pleno de investidura de Illa

A portavoz de ERC, Raquel Sans. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
Raquel Sans asegurou o apoio á investidura de Salvador Illa e defendeu que o concerto económico recollerá unha cota de solidariedade co resto de autonomías do Estado español.

A portavoz de ERC, Raquel Sans, admitiu esta terza feira que unha eventual detención do ex president catalán Carles Puigdemont podería atrasar o pleno de investidura de Salvador Illa, aínda que garantiu o apoio ao candidato do PSC en primeira volta.

Sans reiterou que ERC "non é culpábel" da eventual detención de Puigdemont, senón que a responsábel é a "represión política" polo referendo do 1 de outubro, á vez que defendeu que o ex president catalán "tería que estar en liberdade porque o 1- O non foi un delito".

Así, insistiu en que, de producirse ese escenario, os republicanos manterían os seus compromisos de investidura co PSC, aínda que recoñeceu que podería atrasarse a sesión no Parlament de Catalunya. "É evidente que é un escenario que hai que contemplar, que a detención se poida producir antes", indicou en declaracións na Cadena Ser.

Sans afirmou que desde a súa formación falaron tanto co primeiro secretario do PSC, Salvador Illa, como co president do Parlament, Josep Rull, sobre "os distintos escenarios que hai sobre a mesa". "Mais agora mesmo son todo conversacións e poucas concrecións porque realmente non temos claro que é o que pode pasar. Non temos claro cando vai volver, se é que vai volver o president Puigdemont e tampouco temos claro onde se produciría a detención", sinalou.

A portavoz de ERC defendeu o "si vixiante" do acordo co PSC e avisou que a lexislatura en Catalunya "dependerá dos cumprimentos" da formación socialista. "Somos xente de palabra, se se cumpren os acordos, non ten que ser unha lexislatura inestábel", indicou.

Así mesmo, Sans asumiu que, tras as eleccións catalás, o labor de ERC está na oposición, onde estarán "moi vixiantes". Deste modo, dixo que a recadación na súa totalidade do IRPF en 2026 "será unha data determinante para saber se o cumprimento dos acordos vai cara a adiante ou non".

Cota de solidariedade

Por outra parte, defendeu que o concerto económico recollerá unha cota de solidariedade co resto de autonomías do Estado español. "Mais queremos que esa cota se calcule de maneira transparente, de maneira clara e de maneira acordada", avisou, para despois trasladar que desde ERC non queren "unha confrontación entre territorios".

Sans animou a outras autonomías a ir a Catalunya para ver o estado dos Rodalies ou as listas de dependencia. "Non son privilexios, son recursos para servizos públicos", defendeu. Por último, a portavoz de ERC instou o PSOE a que inicie esta mesma semana os contactos con outras formacións políticas para reformar Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas. Segundo lembrou, o apoio socialista "era imprescindíbel" para modificar, á vez que lembrou que a amnistía tampouco contaba cunha maioría que despois si se deu.