ERC rexeita pactar co PSC a mesa do Parlament catalán

Raquel Sans comparecendo na sede de ERC en Barcelona. (Foto: Europa Press)

O debate para conformar o órgano de Goberno do Parlament de Catalunya entra na súa semana decisiva.

A oferta lanzada onte polo dirixente de Comuns–Sumar, Jaume Asens, de que ERC presidira a mesa da Cámara e a resposta da dirixente republicana, Raquel Sans, reclamando un acordo con Junts per Catalunya, CUP e Comuns–Sumar responden a esta lóxica. A unha semana da constitución da mesa do Parlament todo as posibilidades continúan abertas de cara a un proceso que condicionará o proceso de conformación do futuro Executivo catalán.

A proposta de  Asens

O cabeza de lista de Sumar ao Parlamento europeo, Jaume Asens avogou por un pacto entre socialistas, republicanos e comúns para que a presidencia do Parlament quede en mans de ERC. A proposta é interpretada desde diversos sectores da Cámara como un paso previo para constituír un Executivo tripartito entre estas forzas que outorgue a presidencia do Goberno catalán ao candidato do PSC, Salvador Illa. Esta posibilidade conta con apoios dentro das filas da ERC, mais desde a formación gardan un escrupuloso silencio á espera de que pasen os comicios europeos.

A nova voceira de ERC, Raquel Sans, contrapuxo á oferta de Asens un acordo das forzas nacionalistas cos comúns para dirixir a mesa do Parlament. Neste sentido, destacou que "aínda que o PSC quere falar de normalidade, a normalidade política en Catalunya non existe mentres haxa deputados no exilio" e defendeu “unha mesa antirrepresiva para defender os dereitos dos deputados no exilio e para que se fale de todo". Esta idea foi formulada a pasada semana pola CUP, lembrando que deputados como Rubèn Wagensberg, Lluís Puig ou Carles Puigdemont manteñen, aínda, a condición de exiliados.

As condicións de ERC

Sans negouse a dar pistas sobre as preferencias de ERC de cara a investidura do próximo presidente catalán. Porén, a preguntas dos xornalistas asegurou que os obxectivos da formación pasan por lograr un financiamento singular para Catalunya e avanzar no proceso de autodeterminación nacional.

"Quen queira ser investido ten que facer propostas nestas dúas direccións", afirmou a dirixente de ERC, que non fechou a porta a un Goberno de Illa.