España pide oficialmente que a rescaten

Luis de Guindos, ministro español de Economía
A carta, remitida polo Goberno español ao Eurogrupo, non detalla nin a cifra exacta que se solicita nin as condicións do rescate

Luis de Guindos, ministro de Economía, vén de remitir ao presidente do Eurogrupo, Jean-Claude Junker, a carta na que solicita en nome do Goberno español "asistencia financeira" para a banca. Na misiva nin se cita a cantidade precisa nin tampouco as condicións do rescate, palabra que non se rmprega en ningún momento, mais Economía si recoñece que esa "inxección de capital" sería canalizada a través do FROB, organismo estatal.

Nunha vindeira xuntanza do Eurogrupo abordaríanse as condicións do rescate. 

 

As auditorías de Berger e Wyman fixaron até 62.000 millóns de euros a cantidade quer precisa a banca española e dan así a cantidade que o goberno empregará para, nos vindeiros días, solicitar formalmente o rescate á Comisión Europea. A maior parte desa enxurrada de millóns irán para Bankia, Novagalicia Banco, Catalunya Caixa e Banco de Valencia, as entidades nacionalizadas, ou en vías de selo, polo Estado español.

Fica por coñecer, porén, que cantidade correspondería a cada unha das entidades. Para iso haberá que agardar a outras auditorías, xa en marcha, e cuxos resultados poderían facerse públicos en xullo. 

Neste sentido, NGB está a ser auditada por KPMG, unha das coñecidas como 'Big Four' que operan no Estado español.