A esquerda francesa reactiva o choque e debate como enfrontar Macron ante a decisión sobre quen será a primeira ministra

Emmanuel Macron. (Foto: Maxim Thore/ Europa Press / Contacto)
A Francia Insubmisa abre a porta a un proceso de destitución do presidente.

A poucos días da reunión convocada polo mandatario francés, Emmanuel Macron, co liderado das formacións con representación no lexislativo e dos grupos parlamentarios esta sexta feira para abordar a designación dunha primeira ministra logo das eleccións á Cámara Baixa, cuxa segunda volta decorreu o 7 de xullo, a progresista Nova Fronte Popular (NFP) evidenciou a segunda feira o enfrontamento sobre como proceder, logo da disputa sobre quen sería a súa candidata ao cargo como primeira forza -sen maioría absoluta- nos comicios, fechada ao alcanzar un consenso o nome de Lucie Castets.

“Non é a liña dos ecoloxistas”, resolveu a segunda Marine Tondelier, líder dos Verdes, ao ser cuestionada sobre a proposta da Francia Insubmisa (LFI), a principal forza da alianza, de activar un procedemento parlamentario para destituír Macron no caso de que non nomee Castets como primeira ministra, en base ao artigo 68 da Carta Magna, para o que precisaría do apoio de dous terzos das dúas Cámaras.

Rexeitamento socialista e comunista

Con anterioridade xa se desmarcaran o Partido Socialista e o Partido Comunista. O líder do primeiro, Olivier Faure, defendeu que se Castets non é a elixida por Macron, persoa que en todo caso ten que recibir o aval do lexislativo, a reacción ten que ser rexistrar unha moción de censura contra o novo Goberno.

Asemade, o do segundo, Fabien Roussel, criticou a proposta posto que “a prioridade non é crear unha crise institucional”.

LFI insiste na proposta

Sexa como for, Manuel Bompard, coordinador de LFI, insistiu en que impulsar o proceso de destitución de Macron é “unha posibilidade críbel”, aducindo que os apoios na Cámara Baixa de Macron son inferiores a un terzo das e dos deputados.