A esquerda palestiniana únese nunha candidatura conxunta nas eleccións municipais

Cinco partidos (entre eles FPLP e FDLP) suman forzas baixo o nome 'Lista de Alianza Democrática' para concorrer aos consellos municipais cun programa para responder “ás necesidades do pobo palestiniano”

A esquerda palestiniana optou por deixar á marxe diferenzas, que as teñen e non poucas, para concorrer nunha mesma candidatura unitaria ás eleccións locais do 8 de outubro. 'Lista de Alianza Democrática' é o nome da lista conxunta na que van acudir a estes comicios as marxistas-leninistas Fronte Popular para a liberación de Palestina (FPLP) e Fronte Democrática para a liberación de Palestina (FDLP), O Partido Popular Palestiniano (fundado en 1982 como Partido Comunista Palestiniano) e as socialistas Unión Democrática Palestiniana e Iniciativa Nacional Palestiniana. As cinco organizacións defenden a loita contra a ocupación israelí. Nas lexislativas de 2016 a esquerda concorreu en listas separadas, sumando entre todas apenas o 8% dos votos.

A coligazón une forzas socialdemócratas e comunistas, todas elas defensoras da liberación de Palestina

“Hai na rúa unha expectación e unha receptividade” a esta lista, afirma T. Abu Zafira, da FDLP, mentres que Kayed Al Ghul, do buró político da FPLP, salientou que o seu programa centrábase “nas necesidades do pobo palestiniano”, ao tempo que chamaba a “rachar” coa polarización que existe na política palestiniana entre Hamas e Al Fatah desde o 2007.

O éxito que pode ter esta candidatura unitaria nos comicios locais é incerto. Talal Okal, escritor e analista político, mantén que van ter un bo resultado. Porén, voces como Saleh Abdel Jawad, profesor de CC Políticas, non agarda un éxito da candidatura pois considera que representan una parte mínima da sociedade palestiniana.

Eleccións e participantes

As anteriores eleccións locais foron en 2012, mais excluíndo a franxa de Gaza, onde goberna Hamás desde 2007. Hamas boicoteaba os comicios organizados pola Autoridade Nacional, en mans de Al Fatah, mais na primavera deste ano anunciou que tomaría parte nas eleccións.

“Hai que rachar coa polarización de Hamas e Al Fatah”

A 'Alianza Democrática' non vai ser a única lista que se presente a esta cita coas urnas. Al Fatah concorre baixo o nome 'Bloque pola construción e liberación nacional' e Hamas faino como 'Cambio e Reforma'. A JIhad Islámica anunciou que non tomaba parte nos comicios e realizou un chamamento a Hamas e Al Fatah para se reconciliar. Hai unha candidatura máis para este 8 de outubro, Coligazón Nacional Democrática, e que está integrada por catro pequenas faccións da OLP.

Hai que elexir os consellos municipais de 416 concellos. En 38 deles non hai presentada ningunha candidatura e en 182 casos só hai unha lista, que será proclamada gañadora automaticamente.