Esquerra Republicana pretende unha fórmula máis ampla que Junts pel Sí

Marta Rovira esta mañá no Consell Nacional de ERC.

O Consell Nacional de ERC celebrado este sábado non pecha a porta a unha candidatura unitaria para o 21D, pero quere que esta "represente a un sector máis amplo que JxSí", a fórmula de concorrencia que levou aos republicanos ao goberno nas eleccións de 2015. ERC pretende sumar a esa coalición ás CUP e a Podem; cando menos á parte de Podem máis proclive ao soberanismo.

«Si iso é imposíbel, cada cal polo seu lado e cunha estratexia coordinada», sinalaron a medios cataláns fontes de ERC, aludindo a que os diferentes partidos poderían compartir puntos dun mesmo programa. En calquera caso, o prazo para formalizar as coalicións electorais remata o día 7.

 

A día de hoxe, non se descarta ningunha opción respecto a estratexia de ERC, a formación que as enquisas dan como vencedora. Porén, a aposta do president Carles Puigdemont onte vía Twitter pola creación dunha lista unitaria atopou resistencias en ERC. Esta mañá Marta Rovira, a secretaria xeral, evitou expresar unha postura clara. Rovira centrou o seu discurso en subliñar a ilegalidade dos comicios, mais dixo que ERC participará neles "porque antes de independentistas somos demócratas e estas eleccións ilexitimas son un paso máis para acumular maiorías, gañar lexitimidade e seguir loitando. Temos a obriga de gañalas", dixo.

 

Rovira esixiu ao goberno do Estado a liberación dos presos políticos para que as distintas formacións concorran en igualdade de condicións. "Non hai igualdade, nos temos presos políticos e eles non", indicou antes de pedir ao Estado que se comprometa a respectar o resultado do 21D.