Os Estados Unidos alertan da inminencia das represalias de Irán contra Israel

Antony Blinken. (Foto: Europa Press / Contacto / Italy Photo Press)
O réxime israelí, lonxe de acabar con Hamás.

O secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, comunicou aos seus homólogos dos Estados do G7 que as represalias de Irán polo asasinato do líder de Hamás, Ismail Haniyeh, por parte de Israel na súa capital, Tehran, poderían comezar en 24 ou 48 horas, difundiu na madrugada da segunda feira o portal Axios.

Ao tempo, fontes de Intelixencia de Estados occidentais indicaron á canle Sky News Arabia que a data elixida sería o 12 ou 13 de agosto. En todo caso, o réxime de apartheid sionista está en alerta máxima e as principais compañías aéreas suspenderon as súas conexións con Israel.

Funcionarios do réxime israelí sinalaron á canle NBC que agardan que o ataque, no que participaría a libanesa Hezbolá, durará varios días para “intentar esgotarnos”, e a axencia Bloomberg apuntou que tamén intervirían na ofensiva os hutís do Iemen, que están a executar un bloqueo marítimo no mar Vermello contra buques relacionados cos sionistas para exixir a fin da agresión á Faixa de Gaza.

Nasser Kanani, voceiro de Exteriores iraniano, asegurou que tomarán medidas para “castigar” Israel insistindo en que o país persa “non busca aumentar as tensións na rexión”.

Como aconteceu despois de que Israel asasinara altos cargos militares iranianos na súa embaixada en Damasco (Siria), Irán buscaría restaurar a súa capacidade de disuasión, renovada tras a súa resposta a ese ataque, pero sen desencadear unha guerra cos Estados Unidos, cuxa implicación trata de forzar o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, cada vez máis presionado pola agresión militar a Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica. Case 40.000 persoas foron asasinadas por Israel no enclave palestino desde outubro.

Nese sentido, o xornal The Wall Street Journal afirmou que Irán contestou aos esforzos de diplomáticos árabes por moderar a súa represalia que “non lle importaba se a resposta desencadeaba unha guerra”.

A tensión pola hipotética represalia iraniana desenvólvese cando o ministro de Finanzas do Executivo israelí, Bezalel Smotrich, ratificou a súa motivación de cometer un xenocidio en Gaza ao subliñar que “podería estar xustificado” causar a morte de dous millóns de civís -a poboación de Gaza- de fame despois de que a canle CNN corroborara que o anuncio israelí de que a destrución das capacidades militares de Hamás está próxima é falso.