Esténdense as consultas populares sobre a reunificación de Bretaña

Os concellos de de Saoudan e Langoed toman o relevo do referendo feito en novembro a Sant-Widel-Skovrid. A campaña impulsada por Dibab (Bretaña decide) procura que o Loira Atlántico se una co resto de Breizh.

 

O vindeiro 8 de febreiro haberá en Breizh dúas novas consultas populares sobre a reunificación deste país baixo soberanía do Estado francés. Serán nos concellos de Saoudan (2.000 habitantes) e Langoed (600), que toman así o relevo de Sant-Widel-Skovrid, onde o pasado 30 de novembro o 20% da súa veciñanza con dereito a voto participou nun referendo para pedir que o Loira Atlántico se reúna co resto de Bretaña. O 75% dos votantes nesa cita de novembro amosáronse a favor da reunificación. E destes, un 80% dixo si á creación dunha Asemblea de Bretaña.

O movemento Dibab é o responsábel desta iniciativa, que en cada concello é organizada por comités populares locais. Estes días están a se realizar xuntanzas na localidade de Sant-Ervlan, con 43.000 habitantes, para realizar alí unha das consultas, o que sería un salto de gran importancia.

En setembro houbo en Nantes unha ampla mobilización (13.000 asistentes segundo a policía, 35.000 para a organización) contra a división deste país. A marcha, convocada por diferentes colectivos, entre eles Breizh=44, tiña como demanda pedir a reunificación dos catro departamentos que actualmente conforman a rexión de Bretaña co de Loira Atlántico (rexión de Pays de Loire). Unha reclamación desde hai décadas dos e das bretoas, que lembran que estes cinco departamentos son os que históricamente compoñen Breizh, e que a súa disgregación en varias ‘rexións' responde a unha decisión de París por diluír o seu país. A manifestación exixía, inciden os e as convocantes, ‘respecto’ para o país bretón e o seu dereito a decidir.  Aí púxose o primeiro pedra para a campaña de consultas que agora decorre.