A estratexia catalá de Rajoy: non ao referendo, si a 6.600 millóns de euros en infraestruturas

Mariano Rajoy

Primeiro movimento de Rajoy en Catalunya distinto ao non é non sobre o referendo de autodeterminación. Inhabilitada parte da cúpula soberanista -de Artur Mas a Francesc Homs- a cenoura chega agora en forma de anuncio multimillonario de investimentos en infraestruturas. O Goberno español promete partidas para as cercanías -4.000 milllóns até 2025- e para o Corredor Mediterráneo -un desembolso inmediato de 665 millóns.

Coa antiga Convergència desactivada no Congreso após a inhabilitación de Francesc Homs -durante o pujolismo era o brazo político dos sectores da pequena e mediana burguesía catalá pactistas con Madrid- Rajoy muda de estratexia para Catalunya e oferece agora o PP á sociedade catalá como a vía máis segura para obter recursos do goberno central. Persegue así reforzar a súa organización en Catalunya -en vías de residualización- e erosionar o campo do soberanismo, ao que nos últimos tempos se sumaron continxentes de votantes non tanto por conversión ás teses nacionalistas, senón por desafección a un Estado que desatendía os seus deberes en infraestruturas cruciais no Principat, a comezar polas cercanías (as rodalies).

Esta terza feira, Rajoy desembarcou en Catalunya non para se reunir con Puigdemont para falar do referendo -o presidente da Generalitat viaxou aos EUA para explicar á opinión pública e as elites norteamericanas o programa autodeterminista do Govern-, senón para vender a ideia dun Estado Español Benefactor con Catalunya.

A Moncloa estaría disposta a pór sobre a mesa unha suma total de 6.630 millóns de euros en investimentos para os próximos anos, dos cais a parte do león -4.000 millóns até 2025- iría para as rodalies, cuxo deficiente estado tense convertido nun clamor social en Catalunya. Alén das cercanías ferroviarias, o maná de Rajoy cubriría tamén o Corredor Mediterráneo -665 millóns-, o aeroporto do Prat -200 millóns-, os portos cataláns -587 millóns- e as estradas -857 millóns de euros.

Alén do máis, Rajoy anuncia que vai pelexar por que a Axencia Europea do Medicamento -que se deslocará de Londres após se consumar o Brexit- se instale en Barcelona.

A posta en escena da ofensiva marianista en Catalunya decorreu no Palacio de Congresos de Catalunya e tendo como pretexto a inauguración dunhas xornadas sobre o Corredor Mediterráneo. No auditorio, entre o público estaban abastados representantes do empresariado español e catalán, desde Florentino Pérez (ACS) até Carlos Godó (Grupo Godó). Non estivo presente ningún membro do Govern.

No seu discurso, Rajoy cargou previsibelmente contra o referendo -o procés sería tanto como "desconectar do futuro, da realidade, da lei e o diálogo"- e chamou a procurar acordos "no que nos une, que é moito".