As cifras da desigualdade: o 1% máis rico ten máis que 95% da poboación mundial

Franc Cortada (Oxfam), á dereita. (Foto: Generalitat de Catalunya)
Oxfam alerta do avance da "oligarquía mundial".

O 1% con máis recursos económicos no planeta Terra é máis rico que 95% da poboación mundial, estimada en 8.200 millóns de persoas. Esta é a principal conclusión dun estudo publicado a segunda feira pola ONG Oxfam en base a datos da empresa financeira UBS.

O documento fai énfase en que, nunha “era de oligarquía global”, a influencia sobre a economía das persoas mil millonarias “disparouse”, posto que “máis dun terzo das 50 maiores empresas do mundo teñen a un mil millonario como director executivo ou accionista principal”.

Este 1% ten 43% de todos os activos financeiros do mundo e arredor dunha quinta parte de todos os investimentos está en mans de tres empresas estadounidenses: BlackRock, State Street e Vanguard. A concentración tamén se replica en campos como o das sementes, con dúas multinacionais detrás de 40% do mercado global.

De feito, as loitas da comunidade internacional contra crises como a do cambio climático ou a da pobreza “están a ser ameazadas pola concentración de poder en mans dos ultrarricos e as megaempresas”, unha “hiperconcentración de poder e riqueza” visíbel tanto no interior dos Estados como entre eles, como amosa que os países do Sur Global apenas posúan 31% da riqueza con 79% da poboación mundial.

Principal factor contra o multilateralismo

O director de Oxfam no Estado español, Franc Cortada, descartou que a “rivalidade entre grandes potencias” sexa o “maior factor que socava o multilateralismo”, aseverando que este papel o ocupa a “desigualdade extrema” antes de pormenorizar que “os ultrarricos e as empresas con maior poder utilizaron a súa enorme influencia para frear os esforzos para resolver os principais problemas do planeta”, mencionando a loita contra a evasión fiscal, para garantir que as vacinas de Covid-19 foran accesíbeis ou para “cancelar as débedas insostíbeis dos países do Sur Global”.

Insistindo en que “só un multilateralismo baseado na equidade e xustiza pode reverter a intensificación do poder dunha oligarquía global”, Cortada advertiu que a “sombra da oligarquía mundial cínguese sobre a Asemblea Xeral das Nacións Unidas”, organismo que “está a perder capacidade de acción fronte ao poder crecente dos mil millonarios”.

Este grupo acaparou máis da metade da nova riqueza xerada na última década, uns datos que para a ONG son "un síntoma dun sistema económico falido".