Os EUA intensifican a presión contra Israel para que acepte un alto o fogo
20 mortes por inanición en Gaza provocadas polo asedio sionista.
Washington modificou por terceira vez un borrador de resolución que elaborou para o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) co fin de demandar “un alto o fogo inmediato de aproximadamente seis semanas en Gaza”, a duración pactada no acordo marco entre Hamás e o Goberno de ultradereita sionista, “xunto coa liberación de todos os reféns”, recolleu na madrugada da cuarta feira a axencia Reuters.
Poucas horas antes, a organización palestina Hamás reclamara aos Estados Unidos que premesen Israel logo de presentar a súa última proposta para un cesamento das hostilidades, enmarcada no proceso negociador no Cairo (Exipto).
Medo ao ramadán
O endurecemento da linguaxe do país americano, que vetou diversas resolucións que exixían un alto o fogo ante a agresión militar de Israel contra o territorio palestino, responde ao temor das consecuencias de que se manteña durante o ramadán, unha das celebracións máis importantes para as persoas musulmás, e que comeza o domingo.
Asemade, a falta de subministracións provocada polo bloqueo israelí da Faixa, paralelo aos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil, levou a que no mínimo 20 persoas, a maioría crianzas, morreran de inanición. Porén, as autoridades de Gaza apuntaron que estes son só os casos que lograron chegar aos hospitais.
Vendas de armas a Israel
A relatora da ONU sobre os defensores dos dereitos humanos, Mary Lawlor, insistiu en que non hai xustificación moral para a venda de armas a Israel.
Ao respecto, o The Washington Post desvelou que desde o comezo da agresión militar os Estados Unidos aprobaron e entregaron “silenciosamente” máis de 100 vendas de armas a Israel.