Impactou en Afganistán

Os EUA lanzan a bomba non nuclear máis potente da historia

O presidente dos EUA, Donald Trump

O Goberno dos EUA ordenou o lanzamento dunha bomba non nuclear de alta potencia sobre a provincia afgá de Nangarhar, onde se atoparían membros do Daesh.  Medios internacionais advirten de que se trata da bomba non nuclear máis potente da historia.

“A nai de todas as bombas” (MOAB). Así é como se lle coñece, popularmente, á bomba GBU-43, dado o seu impacto. Foi este artefacto o que lanzou na tarde da quinta feira o Goberno dos EUA sobre Afganistán, supostamente sobre un complexo de túneles do Daesh.

A bomba, que caeu na provincia afgá de Nangarhar, conta con dez toneladas e é a máis grande das existentes lanzada desde un avión MC-130, comandado polas forzas especiais das forzas aéreas dos EUA. Aliás, o seu radio de acción é de 150 metros e ten unha onda de choque que causa danos até os 1.500 metros. Segundo o Exército dos EUA é a primeira vez que este tipo de explosivos se utiliza nunha guerra.

O goberno afgá era coñecedor de que se ía lanzar esta bomba. O executivo afirma que nese ataque dos EUA morreron 36 integrantes do DAESH.

Demostración de forza

O lanzamento dunha bomba destas características xerou diversas interpretacións e análises. Entre elas, a de que hai que entender esta acción na aposta de Trump en mandar unha mensaxe de forza e determinación. Outras subliñan que é ademais un paso de que está disposto a recorrer pronto ao uso da forza.