Ex membros do exército alertan do "risco da unidade de España"
A polémica no aniversario da Constitución de 1978 chegou coa presentación dunha declaración en contra do Goberno do Estado, impulsado pola Fundación Franco e que xa ten reunidas máis de 400 sinaturas de ex mandos das Forzas Armadas.
Trátase, presumibelmente, dunha manobra para sumar apoios da Armada, que non quixo secundar as cartas e que lle enviaron a Felipe VI 39 membros da XIX Promoción da Forza Aérea e 73 da XXIII do Exército de Terra.
O "grave risco para a unidade de España e a orde constitucional" que supón o Goberno español é, segundo os militares retirados, o motor deste manifesto.
Os asinantes aseguran que seguen a ser militares e, por tanto, manteñen o seu xuramento de garantir a soberanía e a integridade de España. Ademais, sosteñen que, como retirados, teñen plena liberdade de expresión e non están suxeitos ás leis disciplinarias militares.
Entre os ex mandos que secundan a mencionada declaración atópase o comandante Ricardo Pardo, condenado a 12 anos de cadea pola súa participación no golpe de Estado do 23-F en 1981.
Xunto a el, asina tamén o tenente xeneral José María Mena, cesado como capitán xeneral de Sevilla e arrestado por suxerir, no discurso da Pascua Militar de 2006, que o exército interviría se o Estatuto de Catalunya sobrepasaba determinados "límites infranqueábeis”.
Outra das figuras militares que apoia o manifesto é o xeneral de división Juan Chicharro, presidente da Fundación Franco, entre outros moitos.
O total de militares retirados no Estado español é de 20.000, así que conseguir un bo número de sinaturas non parece que lles vaia resultar complexo. Xa en 2018, para o manifesto de "desagravio" a Franco, no que se facía apoloxía do ditador, reuniron un milleiro de sinaturas. Nesta ocasión, partiron con 271 firmas que se incrementaron en 200 en 24 horas.