O ex presidente arxentino Alberto Fernández dimite como líder do seu partido após ser imputado

O ex presidente de Arxentina, Alberto Fernández. (Foto: Jonas Roosens / Belga / DPA vía Europa Press)
Fernández está acusado dos presuntos delitos de "lesións graves dobremente agravadas" e "ameazas coactivas", que nega, contra a súa ex parella, Fabiola Yáñez.

Alberto Fernández, presidente de Arxentina entre 2019 e 2023, formalizou na tarde desta cuarta feira a súa renuncia como líder do Partido Justicialista logo de ser imputado polos presuntos delitos de "lesións graves dobremente agravadas" e "ameazas coactivas" contra a súa ex parella, Fabiola Yáñez, que interpuxo a denuncia a pasada semana.

O obxectivo desta dimisión, dixo, é "non involucrar" o partido "no que sempre" militou cuns feitos dos que é, ao seu xuízo, "falsamente acusado". "Desexo que ningunha lasca do linchamento mediático ao que estou a ser sometido poida danar este partido no que militan homes e mulleres que tanto fixemos pola igualdade de xénero e respecto ás diversidades", salientou.

O escrito da Fiscalía

A Fiscalía afirma, nun escrito difundido polo xornal Clarín, que o proceso contra Fernández "xorde dun relato que revela un contexto de violencia de xénero asentado sobre unha relación asimétrica e desigual de poder que se desenvolveu ao longo do tempo". Unha situación que "se viu acrecentada exponencialmente" tras a elección do anterior presidente en 2019.

O documento explicita até nove feitos que constituirían un delito de violencia machista, entre eles que a "obrigou a practicar un aborto en 2016". "Sufriu unha relación atravesada por fustrigación, acoso psicolóxico e agresións físicas, nun contexto de violencia de xénero e intrafamiliar", sinala. E tamén apunta que Yáñez recibiu "diversos tipos de ameazas mediante chamadas e mensaxes de texto", tanto por parte "de Alberto Fernández como de terceiros".

Fernández insiste na súa inocencia

Fernández, pola súa parte, insiste na súa inocencia e espera "que a Xustiza actúe como tal, deixe de lanzar irregularmente datos a través dos medios de comunicación e permita exercer o dereito lexítimo á defensa". "Coa miña alma danada por tanto escarnio e sendo vítima dunha cruel operación que tamén dana os meus fillos, saúdo cada compañeiro e compañeira co meu compromiso de sempre", concluíu.