O Exército de Israel mata unha rapaza estadounidense que protestaba contra os asentamentos de colonos en Cisxordania

Pasaporte da moza asasinada (Foto: EP)

O exército di que "respondeu" con disparos contra unha persoa que comezara a guindar pedras.

O Exército israelí matou a tiros unha cidadá estadounidense que participaba nunha protesta contra a expansión dos asentamentos israelís nas proximidades da cidade de Naplusa, no sur de Cisxordania.

O director do Hospital Rafidia de Naplusa, Fuad Nafaa, indicou que a muller é Aysenur Ezgi Eygi, de orixe turca e de vinte e seis anos. Así, detallou que a moza chegou ao centro tras recibir un disparo na cabeza e confirmou a súa morte pouco despois do ingreso.

Fontes locais citadas pola axencia de noticias palestina WAFA indicaron que a rapaza recibiu un disparo durante unha manifestación en Beita e engadiron que un palestino resultou ferido tras recibir o impacto dunha bala na súa perna.

Ao mesmo tempo, subliñaron que as forzas israelís utilizaron granadas paralizantes e gases lacrimóxenos para tentar dispersar os presentes, sen que o exército nin as autoridades de Israel aínda se pronunciasen sobre os feitos.

As Forzas de Defensa de Israel (IDF) recoñeceron que utilizaron fogo real na zona como "represalia" contra unha persoa que comezara a lanzar pedras aos militares e "supuxo unha ameaza", e anunciaron que están a investigar información sobre o morte de "unha persoa estranxeira".