Expertas da ONU piden unha intervención militar no Sudán para protexer os civís

Persoas desprazadas ao fuxir da violencia da guerra no Sudán. (Foto: OMS)
Denuncia crimes de guerra de ambos os bandos.

O primeiro informe da Misión Internacional de Investigación Independente no Sudán da Organización das Nacións Unidas (ONU), feito público a sexta feira, reclama que se despregue no país “unha forza independente e imparcial” para protexer a poboación civil ante as violacións masivas dos dereitos humanos que están as perpetrar os dous contendentes na guerra civil que comezou en abril de 2023, as Forzas Armadas e as paramilitares Forzas de Apoio Rápido.

O documento recolle ataques indiscriminados de ambas as partes contra civís, escolas, hospitais e infraestruturas críticas. Tamén denuncia violacións, torturas e arrestos arbitrarios contra civís.

Amais destes crimes de guerra, no tocante aos paramilitares e os seus aliados advirte de que se trataría de crimes contra a humanidade tamén, apuntando a actos de escravitude sexual, desprazamento de poboación, saqueos e recrutamentos de crianzas menores de 15 anos, incluíndo o ataque a comunidades nilo-saharianas, que xa levaran a denuncias por limpezas étnicas en Darfur, no suroeste do país.