Facer turismo entre isótopos radiactivos

Conservatorio de Pripyat, cidade fantasma perto de Chernóbil


O 26 de abril de 1986, hai só 30 anos, unha explosión, seguida dun incendio, estendeu sobre toda Europa varias toneladas de feluxe radioactiva. Hoxe aquel espazo recebe millares de visitas. Igual que outros en Asia ou América. É o turismo radioactivo.

 

A orixe daquela explosión estaba no reactor número 4 da central de Chernóbil. Durante os seguintes 14 anos máis de 400.000 persoas foron evacuadas e desprazadas da zona máis contaminada de Bielorrusia, Rusia e Ucraína. O número de mortes atribuídas directamente á contaminación radioactiva varía entre as 64 do informe de UNSCEAR (United Nations Scientific Committee on the Effects of Atomic Radiation) e as máis de 4.000 da OMS (Organización Mundial da Saúde).

O accidente foi considerado o máis grave da historia, aínda que nos anos seguintes houbo outros de igual ou superior magnitude. En 2011, apagados todos os reactores que continuaban en uso, planeouse abrir a zona para turistas, entrando así nunha rede de turismo nuclear a nivel mundial: Pripyat e Chernóbil en Ucraína; Xinjiang Uygur na China ou en Nevada, Estados Unidos comezan a facer investimentos para atraer turismo a estas zonas en que os riscos presentes parecen ser o principal aliciente para o desenvolvemento de actividades de lecer. Invístense millóns de dólares para acondicionar a zona. 

Mais tampouco pensen que isto é ningunha cousa que antes non se tivese experimentado. En Palomares, xa Manuel Fraga Iribarne demostrara  que contra a radiación non se precisa protección. Así se expresaba o locutor do NO-DO para dar a noticia dun baño que hai quen di se produciu a 15 kilómetros de distancia: “Como parte del programa previsto y para demostrar con el ejemplo que no existe peligro de radioactividad en esta zona costera el ministro señor Fraga Iribarne, el embajador de Estados Unidos y el jefe de la región aérea del estrecho se dan un buen baño, pues así lo permite la benignidad del clima a pesar del invierno. El embajador demuestra con los brazos abiertos que se está bien en estas aguas inofensivas. Y hecha esta elocuente demostración el ministro y el embajador nos dicen adiós al salir del agua.

Na rexión de Malan, onde a China probou máis de 40 bombas nucleares entre 1964 e 1996, os viaxeiros poden contemplar persoalmente o espazo utilizado polos especialistas que traballaron na bomba e as condicións en que desenvolveron o seu traballo, contando ademais cun refuxio de 300 m2  como laboratorio e dormitorios. Tamén na China se pode visitar a planta nuclear militar 816, onde se sitúa a cova artificial máis grande do mundo, con máis de 100.000 metros cadrados, o equivalente a máis do que ocupan 10 campos de fútbol, con capacidade para circular coches no interior.

Chernóbil ofrece servizos de visita á zona de placas conmemorativas, á lagoa de arrefriamento, un parque para crianzas e un restaurante temático. Unha excursión dun día por uns 120 euros.

Unha excursión dun día en Chernóbil sae por uns 120 euros

En Nevada, onde desde 1951 a 1992 se levaron a cabo perto de 1.000 ensaios nucleares hai listas de espera de varios meses e a visita inclúe a famosa “Área51”, relacionada coa investigación extraterrestre.

O cinema e a literatura non foron, non son, alleos a este fenómeno. Só cabe lembrar filmes como Atrapados en Chernóbil ou o peso que tivo a obra Voces de Chernóbil, de Svetlana Alexievich, na atribución do Nobel de literatura de 2015. Deixámolos cun fragmento desta obra.

“Non sei de que falar ... Da morte ou do amor? Ou é o mesmo? De que?

Casaramos había pouco. Aínda íamos pola rúa agarrados da man, mesmo para ir de compras. 

Sempre xuntos. Eu dicíalle: Quérote. Mais non sabía aínda canto o quería. Nen o imaxinaba. Vivíamos na residencia da unidade de bombeiros, onde el traballaba. No primeiro andar. Con outras tres familias tamén novas. No baixo estaban os coches. Camións de bombeiros vermellos. Este era o seu traballo. Eu sempre sabía onde se encontraba, que lle pasaba...

No medio da noite ouvín un ruído. Berros. Ollei pola xanela. El viume

-Fecha todo e déitate. Hai un incendio na central. Axiña volto.

Non vin a explosión. Só chamas. O ceo enteiro ... Unhas chamas altas. E feluxe. Unha calor horrorosa. El non regresaba. A feluxe debíase a que ardía o alcatrán: o teito da central estaba cuberto de asfalto.”

O relato continúa, duro, cru, estarrecedor. Hai unha lenda urbana que di que só con se sentar nun banco en Pripyat xa está garantida, como mínimo, a esterilidade. Non sei, mais penso que hoxe por hoxe parece menos perigoso continuar a ler Voces de Chernóbil que visitar a central ou os espazos próximos.