Falece a xuíz Ginsburg, icona progresista nos EUA, e ábrese unha guerra política

Ginsburg, na Casa Branca, acompañado polo ex presidente dos Estados Unidos Barack Obama (obama.medium.com)

Foi unha pioneira na loita polos dereitos das mulleres nun mundo, o xudicial, que estaba copado por homes.

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos informou na sexta feira, 18 de setembro, do falecemento de Ruth Bader Ginsburg, a xuíza decana da máis alta instancia xudicial do país norteamericano. A súa morte, aos 87 anos de idade, prodúcese en plena campaña electoral para a reelección de Donald Trump e supón un terremoto político de consecuencias incertas.

A substitución da maxistrada podería afectar a composición ideolóxica do órgano decisivo sobre a interpretación da Constitución e do sistema legal dos EUA e provocará unha batalla no Senado que terá consecuencias nos comicios presidenciais de novembro.

O pasamento de Ginsburg produciuse por "complicacións" debidas ao cancro de páncreas que sufría, segundo informou a corte nun comunicado. Nacida en Brooklyn, Nova York, nunha familia de emigrantes xudeus, aos 23 anos entrou na Escola de Leis da Universidade de Harvard, onde só estudaban nove mulleres entre 500 alumnos. No medio de profesores que a acusaban de quitarlles un posto aos homes, conseguiu graduarse con honores.

O seu camiño laboral estivo cheo de obstáculos. Non logrou que as firmas de avogados a contratasen, pois non se afacían a traballar con mulleres. Con todo, puido entrar na universidade, onde desenvolveu unha cátedra sobre o xénero e o dereito.

Defensa do feminismo

A defensa pola igualdade entre sexos deulle fama e na década de 1970, a Unión Estadounidense polas Liberdades Civís contratouna para traballar polos dereitos das mulleres. Logrou levar até a Corte Suprema demandas de mulleres que, nese momento, eran imposíbeis de defender e gañar.

No caso Frontiero, por exemplo, conseguiu que o Exército recoñecese a unha sarxento e ao marido dela a mesma axuda económica que se daba aos sarxentos homes.

No caso Wiesenfeld, fixo que por primeira vez a Seguridade Social garantise unha axuda económica a un mozo viúvo que quedou cun bebé, pois antes estes subsidios só beneficiaban as mulleres.

A fama de Ruth Bader creceu en 1993, cando Bill Clinton a designou para un posto no Tribunal Supremo, co que se converteu na segunda muller en chegar a esa instancia. Alá comezou a destacarse polas súas posicións progresistas, que agudizou no momento que a corte virou cara á dereita.