Fascistas queiman esteladas ao termo dunha nova marcha unionista en Barcelona

Imaxe tirada dun vídeo de NacióDigital en que se ve como se prende lume ás esteladas

O españolismo máis extremista manifestouse este 12-O, Día da Hispanidade, en Barcelona. Nova marcha unionista na capital catalá e, como se agardaba, nada que ver co músculo mobilizador exhibido o pasado domingo. Esta quinta feira, a convocatoria "Catalunya é España" apenas reuniu uns miles de persoas. Entre elas fascistas que queimaron esteladas. 

Dous días após o president Puigdemont chamar ao diálogo con España, os sectores máis duros do españolismo mostraron a súa intransixencia e a súa nula vontade de destensar o conflito. "Puigdemont a prisión" voltou a ser a consigna máis coreada nesta nova convocatoria de Sociedade Civil Catalá, nunha marcha que evidenciou que en Catalunya o mascarón de proa españolista é o Cs de Albert Rivera. con moitos máis efectivos na manifestación do que o PP.

 

Entre os cánticos proferidos polos unionistas destacaron, alén do desexo de levar Puigdemont á cadea, os de "Eu son español, español" ou "TV3, manipuladora".

 

Mais as imaxes máis impactantes que deixa esta marcha son as da queima de esteladas por parte dun grupo de facistas. Agardaron a que a manifestación chegase a Montjuïc, o ponto final, para prender lume ás bandeiras independentistas catalás.

 

Nos últimos días o protagonismo de grupos ultra de ideoloxía nazi-falanxista está a ir en claro ascenso quer en Catalunya quer no resto do Estado. O Goberno Rajoy aínda non condenou estes abrollos ultra.

 

Campuzano chama falanxista a Rivera e Ana Pastor borra a palabra do diario de sesións

 

No debate posterior á comparecencia de Rajoy decorrido  onte no Congreso, Carles Campuzano -parlamentar do Partit Demòcrata Europeu Català- cualificou de "falanxista" o discurso de Albert Rivera. A presidenta do Congreso, Ana Pastor, pediulle que retirase ese adxectivo para non figurar no diario de sesións da cámara. Campuzano non só se negou a facelo, senón que se reafirmou no dito. Pastor decidiu unilateralmente, en uso das súas atribucións, borrar do rexisto do debate a palabra. O episodio ilustra á perfección como o PP non dá amparo ás denuncias contra a ideoloxía fascista, até chegar ao extremo de falsear a transcrición dun debate parlamentar.

[Nun recente debate no Parlamento da Galiza ocorreu algo parecido cando Luís Villares, líder de En Marea, foi cominado polo presidente da cámara, Miguel Santalices, para que retirase o cualificativo "Narcochófer" co que se referira ao presidente da Xunta. Ao recusar facelo, Santalices ordenou que o vocablo non figurase no diario de sesións].