Fechado o pacto en Suráfrica para que o progresista Ramaphosa siga á fronte do país

O presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, este mes. (Foto: Zhang Yudong / Europa Press / Contacto)
Cando menos tres formacións estará presenten no novo Goberno.

En paralelo ao inicio a sexta feira da primeira sesión do Parlamento de Suráfrica emanado das eleccións do 29 de maio, na que o progresista Congreso Nacional Africano (ANC) perdeu por primeira vez a maioría absoluta que mantiña desde os primeiros comicios democráticos tres décadas antes, a conservadora Alianza Democrática (DA), que logrou a segunda posición, fixo público que asinou un acordo de Goberno co ANC, que fixera un chamamento ás forzas con representación a constituír un Executivo de unidade.

O pacto permitiu asegurar ao presidente Cyril Ramaphosa (ANC) un segundo mandato á fronte do Estado, polo que estaba previsto que fora elixido na sesión de onte, que seguía á hora do feche desta edición. Nese sentido, comprobouse o funcionamento do acordo ao ratificarse un dos seus puntos, a elección de Thoko Didiza (ANC) como presidenta do Parlamento.

Desta maneira, o novo Goberno do país africano integrarao o ANC, a DA, o Partido da Liberdade Inkatha, unha forza conservadora e nacionalista zulú, sen descartar a presenza de forzas máis pequenas.