Fernández oficializa a solicitude de xuízo político contra a Corte Suprema arxentina
Alberto Fernández, presidente da Arxentina, reuniuse na madrugada de onte con Germán Martínez, presidente do grupo parlamentar da Fronte de Todos na Cámara de Deputados, e Carolina Gaillard, presidenta da Comisión de Xuízo Político do organismo, para entregarlles o pedido de xuízo político contra os catro integrantes da Corte Suprema, instruíndoos para o seu “pronto tratamento lexislativo”.
Após anunciar hai poucos días a súa intención, gobernadores, lexisladores e funcionarios da formación política progresista amosaron o seu apoio a terza feira ao presidente na iniciativa, subliñando que existen “sobrados elementos como para avanzar nese proceso”, recolle Télam.
Até 12 gobernadores, incluíndo o de Bos Aires, Axel Kicillof, asinaron a solicitude do xuízo político polo “mal desempeño das súas funcións” e “manifesta parcialidade” do tribunal.
Unha Xustiza moi cuestionada
A pesar de que dous eventos concretos desencadearon a iniciativa do xuízo político, a este punto chegouse no marco do descrédito xeral das institucións xudiciais no país azuada pola polémica sentenza contra a vicepresidenta e ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner, que lidera o Senado.
Un estudo da empresa demoscópica Zuban Cordoba publicado pouco antes do final de 2022 revela que a Xustiza no país é a institución na que arxentinas e arxentinos menos confían. Apenas 26,5% confía na Corte Suprema, 24,4% na Xustiza federal e 22,1% nos xuíces federais.
A primeira decisión chave da Corte Suprema foi o veredicto publicado na cuarta semana de decembro no que respondeu a unha denuncia do Goberno municipal de Bos Aires, liderado polo conservador Horacio Rodríguez Larreta, sentenciando o Executivo federal a entregar á cidade 2,95% da masa de fondos coparticipábeis do sistema de recadación integrado, impugnando o repartimento decretado por Fernández, que á súa vez considerou o auto como arbitrario.
O segundo incidente foi a publicación a semana pasada en Perfil de mensaxes entre Silvio Robles, voceiro principal da Corte Suprema, e o responsábel de Seguridade do Concello de Bos Aires, Marcelo D'Alessandro, nos que presuntamente estarían a negociar os veredictos do tribunal.
D’Alessandro tamén foi un dos implicados na viaxe a Lago Escondido, unha propiedade do empresario inglés Joe Lewis, xunta xuíces, fiscais e directivos do Grupo Clarín, que está sendo investigada pola Xustiza por posíbel suborno. Amais, trataron de acordar a manipulación de probas para ocultar a súa presenza na viaxe.
En todo caso, as pescudas continúan, o que pode afectar a campaña de Larreta, un dos principais pre candidatos presidenciais dos conservadores, polo que despois de reiterar que D’Alessandro sería mantido no posto acabou por aceptar o pedido de “licencia temporal” para organizar a súa defensa.
Ao tempo, a solicitude progresista dun xuízo político tamén impactará no desenvolvemento da campaña electoral arxentina, cos comicios fixados o 22 de outubro para a Presidencia e o lexislativo, cunha segunda volta, de ser necesaria, prevista para o 19 de novembro.
Proceso lexislativo
“Non hai antecedentes dun xuízo político a todos os integrantes da Corte”, revelou Gaillard, que avanzou que unha vez o proxecto sexa aprobado por maioría simple na comisión que encabeza, será a Cámara de Deputados a encargada de analizar as probas e o ditame, e no caso de que dous terzos dos representantes aprobe a acusación o proceso remítese ao Senado, onde se efectuaría o xuízo.
Malia que os progresistas non contan con suficientes apoios no lexislativo, o que de forma previsíbel fará imposíbel que chegue ao Senado o proceso, “hai moitas cousas que a cidadanía ten que coñecer e este proceso vaino facilitar, hai un aparato de xustiza en conivencia e subordinación permanente co poder real”, defendeu Hugo Yasky, secretario xeral da Central de Traballadores da Arxentina.