O fiscal da Haia pide ordes de arresto contra Netanyahu, o seu ministro de Defensa e os líderes de Hamás

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, nun operativo militar en Gaza. (Foto: GPO / DPA vía Europa Press)
A Corte Penal Internacional podería solicitar os arrestos alegando crimes de guerra e contra a humanidade.

A Fiscalía da Corte Penal Internacional solicitou esta segunda feira a emisión de senllas ordes de arresto contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu; o seu ministro de Defensa, Yoav Gallant, e varios altos cargos de Hamás pola presunta comisión, en ambos os bandos, de crimes de guerra e contra a humanidade. O pasado mes de abril as autoridades de Israel xa manexaban información relativa a estas posíbeis ordes de arresto, que agora semellan máis perto de materializarse.

No tocante ás ordes que solicita contra Netanyahu e Gallant, o fiscal xefe da CPI, Karim Khan, asegura ter "motivos razoábeis" que as xustifican, debido aos seus "crimes cometidos no territorio do Estado de Palestina, na Faixa de Gaza, polo menos desde o 8 de outubro" do pasado ano, cando se iniciou unha cruenta ofensiva sen precedentes que deixou até o momento máis de 35.000 vítimas mortais.

Ambos os dirixentes israelís son, a xuízo de Khan, responsábeis da "morte por fame de civís como método de guerra", de causar "voluntariamente un gran sufrimento ou feridas graves", de "tratamento cruel" da poboación palestina, de "asasinato intencionado ou asasinato como crime de guerra", de "ataques contra a poboación civil", de "persecución" e mesmo de "exterminio e outros actos inhumanos".

Khan defendeu que estes crimes foron cometidos “como parte dun ataque xeneralizado e sistemático contra a poboación civil palestina”, así como que “estes crimes continúan hoxe en día”, privando “de forma intencionada e sistemática a poboación civil de todas as zonas de Gaza de obxectos indispensábeis para a supervivencia”.

Tamén constatou que máis alá dos “obxectivos militares” israelís, as vías elixidas para logralos son “criminais”.

Unha vez pedidas as ordes, que chegan tras as presións contra a Fiscalía procedentes dos Estados Unidos e Israel, a un panel de tres xuíces e xuízas da CPI, estudarán as probas para determinar se o proceso segue adiante, nunhas decisións que se demoran dous meses de media.

Por outra parte, o fiscal aprecia tamén a "responsabilidade penal por crimes de guerra e contra a humanidade" cometidos en Israel e Palestina por parte das milicias gazatíes, e máis concretamente por Hamás, a cuxos principais líderes solicita imputar na causa. A orde de arresto afectaría o responsábel de Hamás en Gaza, Yahya Sinwar; o xefe da facción militar da organización, Mohamed Diab al Masri, e o xefe do seu 'brazo político', Ismail Haniye.

O líder de Hamás, Ismail Haniye. (Foto: Ministerio de Exteriores de Irán / Europa Press / Contacto)

Acúsaos tamén de "exterminio", "asasinato como crime contra a humanidade e como crime de guerra", "secuestros como crime de guerra", "violación e outros actos de violencia sexual", "tortura", "outros actos inhumanos", "tratamento cruel no contexto de cativerio" e "actos contra a dignidade persoal no contexto dun cativerio", a raíz da ofensiva palestina do pasado 7 de outubro que se saldou cun balance de 1.200 mortos e 240 persoas secuestradas.

Namentres o Executivo sionista definiu a decisión como unha “desgraza histórica”, tanto Hamás como a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) coincidiron en criticar á CPI que equipare “a vítima e o verdugo”, e esta última entidade instouna a emitir ordes de arresto polo xenocidio que está a desenvolver Israel na Faixa.

Como mínimo 35.562 palestinas e palestinos, arredor de 40% crianzas, foron asasinados por Israel desde outubro no enclave palestino, onde case 80.000 persoas resultaron feridas até o de agora.