Fiscalía cita 712 alcaldesas e alcaldes e pide aos Mossos que deteña as e os que non comparezan

Continúa a se debruzar sobre o abismo o Estado español nunha ofensiva autoritaria sen precedentes que se achega día a día a un ponto de non retorno. A Fiscalía Xeral acaba de citar como investigados as e os 712 alcaldes que se teñen comprometido a colaborar co referendo. E, alén do máis, pide aos Mossos d'Esquadra, na súa calidade de policía xudicial, que deteña aquelas alcaldesas e aqueles alcaldes que se neguen a comparecer.

As fiscalías de Barcelona, Girona, Lleida e Tarragona -dependentes hierarquicamente da do Estado- terán que citar en calidade de persoas investigadas as alcaldesa e alcaldes "en relación cos presuntos actos de cooperación na organización do referendo ilegal", segundo a expresión utilizada polo Ministerio Público.

 

As citacións receberanas as alcaldesas e alcaldes de mans dos Mossos d'Esquadra, designados neste caso pola Fiscalía Xeral do Estado como policía xudicial [obrigada a obedecer as ordes de fiscais e xuíces]. En caso de non se apresentárense perante a Fiscalía, os Mossos terán de proceder á súa detención, segundo a orde do Ministerio Público.

 

A Fiscalía toma esta decisión para materializar a providencia do Tribunal Constitucional en virtude da cal se suspendía o decreto do Govern en que se estabelecen as medidas complementares precisas para a realización do referendo [entre elas a cesión de locais eleitorais]. Nesa resolución do TC advertíase ás alcaldesas e alcaldes de que colaborar co 1-O podería envolver responsabilidades penais.

 

Os concellos investigados son 712, isto é, 75 por cento do total de 946 municipios cos que conta Catalunya.