A Fiscalía pon o albo o conxunto do Govern por ter asinado o decreto de convocatoria

O Govern en pleno

A ofensiva dos aparatos do Estado contra o referendo de autodeterminación xa está en marcha. A Fiscalía Xeral do Estado acaba de anunciar que, alén de denunciar os membros da Mesa do Parlament que deron luz verde á tramitación da Lei do Referendo, vaise querelar tamén contra o Govern en pleno -contra todos e cada un dos seus integrantes- por teren asinado o decreto de convocatoria do referendo.

Poucas horas demoraron os aparatos do Estado en despregar accións concretas destinadas a punir as e os dirixentes do soberanismo catalán por ter aprobado esta cuarta feira no Parlament primeiro a Lei do Referendo e segundo o decreto de convocatoria da consulta autodeterminista.

 

A primeira noticia veu do Tribunal Constitucional. Por volta das 12 horas sóubose que o órgao xurisdicional rexeitaba a recusación realizada contra todos e cada un dos seus maxistrados por parte de Carme Forcadell, presidenta do Parlament, quen os consideraba parciais pola súa militancia anti-soberanista.

 

Forcadell argumentaba no seu escrito de recusación que os maxistrados teñen tornado o TC nun apéndice do poder executivo español. Os xuristas recusados xulgaron eles propios a súa recusación e, loxicamente, acabárona rexeitando co argumento de que era excesivamente "xenérica" e non achegaba argumentos suficientes sobre os que fundar a súa falta de idoneidade para abordar os eventuais recursos do Estado contra as normas que regulan o referendo.

 

A seguir esta decisión, o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, anunciou que se ía querelar contra o Govern en pleno por asinar o decreto de convocatoria do referendo, ao tempo que explicitou a súa vontade de investigar calquera acción que a Generalitat poña en marcha para materializar a realización do referendo (esta noite pasada, efectivos da Garda Civil rexistaron os vehículos das e dos traballadores dunha imprensa da que se sospeitaba que puidese estar editando o censo a utilizar na consulta).

 

A Fiscalía xa tiña anunciado esta cuarta feira unha querela contra os 4 parlamentares soberanistas (de JxSí) e o deputado de Catalunya sí que es Pot Joan Josep Nuet que, como integrantes da Mesa da cámara, viabilizaron co seu voto a tramitación da Lei do Referendo.