A fiscalía turca pide 20 anos de prisión para Leyla Zana, símbolo do movemento curdo

Leyla Zena

Acúsana de participar no funeral duns mozos mortos polo exército turco, no Día da Muller e no ‘Newroz’, o Aninovo curdo.

A Fiscalía turca imputa Leyla Zana tres acusacións que suman 20 anos de prisión. Zana foi unha das 58 persoas eleitas como deputadas polo HDP, a esquerda pro-curda, nas últimas eleccións turcas. Porén, non puido tomar posesión da acta por xurar o cargo en curdo e se referir “aos pobos de Turquía” e non ao “pobo de Turquía”.

A acusación baséase na participación de Zana nun funeral duns mozos turcos asasinados polo exército turco e acusados de ser integrantes do PKK, na actividade de Leyla Zana no Congreso da Sociedade Democrática e a súa participación nas mobilizacións do Newroz, o Anivovo curdo.

Leyla Zana é un símbolo no movemento curdo de Turquía. Nada en 1961, con apenas 30 anos foi eleita a primeira muller deputada da República de Turquía. Tres anos despois daquela elección, a Zana retirábaselle a inmunidade parlamentar por pronunciar parte dun discurso en curdo. Aliás, levaba as tres cores nacionais curdas (vermello, verde e amarelo), facendo así unha cominación prohibida en Turquía. E, por riba, o seu discurso falaba da necesidade de acadar a irmandade entre os pobos curdo e turco. Para Ankara non existe ningún pobo curdo pois en Turquía todo é pobo turco. Leyla Zana foi perseguida política e xudicialmente e acabou en prisión, onde permaneceu durante 10 anos.