A 'Flotilla da Liberdade' chegará o 27 de xuño ao porto da Coruña para denunciar a situación en Gaza

Ann Wright na rolda de prensa para presentar a 'Flotilla' (Foto: Elena Buch)
O lema da Flotilla da Liberdade, este ano 2024 é 'Rachar o Bloqueo a Gaza', para tentar descargar 5.500 toneladas en axuda humanitaria: alimentos, medicamentos…

A Coalición Internacional da Flotilla da Liberdade' prevé chegar o 27 de xuño, quinta feira, á cidade da Coruña no seu percorrido por diferentes portos europeos para denunciar a situación en Gaza.

A bordo do buque 'Handala', a 'Flotilla da Liberdade' chegará este sábado, 22 de xuño, a Santander, onde permanecerá no porto até a terza feira 25 de xuño, onde arribará após partir o 1 de maio de Oslo e percorrer varios portos europeos (Suecia, Dinamarca, Alemaña, Reino Unido, Irlanda e Francia).

Após a súa escala en Santander, segundo informou a coalición internacional nun comunicado, partirá cara á Coruña, onde ten previsto chegar o día 27.

Posteriormente, viaxará cara aos portos de Lisboa, Vélez en Málaga e, por último, o de Dénia (País Valencià) do que partirá cara a outros portos no Mediterráneo na súa ruta cara a Gaza.

En 2011, creouse a Coalición Internacional da Flotilla da Liberdade que realiza navegacións para "denunciar o inhumano e ilegal bloqueo de Gaza", viaxes que adquiren "un maior sentido neste ano" cando "Israel ataca e bombardea á poboación civil de Gaza sen descanso", dixo a coalición.

O lema da Flotilla da Liberdade, este ano 2024 é 'Rachar o Bloqueo a Gaza', para tentar descargar 5.500 toneladas en axuda humanitaria: alimentos, medicamentos…

Por outra parte, reivindica que os Gobernos actúen, se pronuncien e implementen políticas efectivas para parar o xenocidio do pobo palestino. Por este motivo, noutro barco, navegará unha comitiva de 300 persoas, en representación de observadoras internacionais, xornalistas, representantes de organizacións de apoio ao pobo palestino e políticas, Ada Colau, ex alcaldesa de Barcelona, entre elas.