Folga de fame do goberno de Aruba en defensa do seu autogoberno fronte a Holanda

A Illa caribeña forma parte dos Países Baixos a pesar de que no referendo de 1977 o 82% dos votantes apoiara a independencia.

O primeiro ministro de Aruba, Mike Eman, e varios membros do goberno autónomo da illa de Aruba, baixo soberanía do Reino dos Países Baixos, comezaron unha folga de fame en defensa do seu autogoberno fronte ás imposicións de Holanda.

A decisión adoptouse após que o gobernador dos Países Baixos na illa bloquease, a petición de La Haya, a aprobación dos orzamentos deste territorio caribeño. Aruba, situada ao norte da costa de Venezuela, é un dos catro países (con Holanda, Curaçao, Sint Maarten) que conforman os Países Baixos. Teñen autonomía, mais hai competencias centralizadas, como Defensa, Asuntos Exteriores ou aprobación dos diferentes orzamentos.

E este é, segundo Nationalia, a cuestión que está no albo da folga de fame en Aruba. Desde Holanda queren revisar as contas de Aruba pois considera que gastan máis do que ingresan. Desde o goberno autónomo entenden que isto é unha “inxerencia” e un ataque ao seu auto-goberno

Apoio á independencia que non se aplicou

Aruba foi descoberta e ocupada en 1499 por exploradores españois e adquirida polos Países Baixos en 1636. A illa separouse das Antillas Neerlandesas a 1 de xaneiro de 1986 e tornouse unha dependencia autónoma do Reino dos Países Baixos.

En 1977 Aruba vai realizar unha consulta na que o 82 % dos votantes apoiaron a independencia. Mais esa decisión nunca foi implementada.