As formacións palestinas acordan conformar un Goberno de unidade nacional tras a fin da agresión israelí a Gaza

I. Haniyeh, líder de Hamás. (Foto: Ministerio de Exteriores de Irán / Europa Press / Contacto)
Renovarase o órgano lexislativo da Organización para a Liberación de Palestina.

14 organizacións políticas palestinas, entre elas Hamás, Fatah, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina, a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina, a Xihad Islámica ou a Iniciativa Nacional Palestina, asinaron logo dunhas negociacións na China un acordo que transcendeu a terza feira e que inclúe a creación dun “Goberno de unidade nacional temporal” que rexa Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste após a fin da agresión militar israelí á Faixa, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio.

Amais do país asiático, tamén exerceron como mediadores do proceso Exipto, Alxeria e Rusia. O documento reitera como obxectivo principal o estabelecemento dun Estado palestino sen colonización israelí e defende “o dereito do pobo palestino a resistir á ocupación” en base ao dereito internacional, amais inclúe o compromiso para acabar co “bárbaro asedio” sionista dos territorios palestinos e impulsar o acceso “sen restricións nin condicións” de axuda humanitaria.

O pacto destas formacións busca garantir -en contra das intencións israelís- que o control de Gaza fique en mans das forzas palestinas ao finalizar a agresión, e recolle que ademais da conformación dun Executivo de unidade previo a unhas eleccións será elixido un novo Consello Nacional Palestino, o órgano lexislativo da Organización para a Liberación de Palestina (OLP).

Este anuncio produciuse mentres Hamás, que goberna Gaza, e o Goberno de extrema dereita israelí negocian un acordo para un alto o fogo cun intercambio de persoas detidas en ambos os dous bandos. Máis de 39.000 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro.

“En realidade isto non sucederá” e “a seguridade de Israel quedará só en mans israelís”, reaccionou o ministro de Exteriores sionista, Israel Katz.

Crimes de guerra

A pesar do apoio fechado dos Estados Unidos e da Unión Europea (UE) ás accións israelís, un informe de Olof Skoog, representante de Bruxelas para os dereitos humanos, sostén tras recompilar as análises de organizacións do ámbito que traballan no terreo que se puido producir un “posíbel” xenocidio, crimes contra a humanidade e crimes de guerra que atribúe a “todas as partes”.

Pola súa parte, a entidade Human Rights Watch corroborou que Israel comete crimes de guerra contra persoas palestinas presas, incluídas crianzas, ás que somete a violencia sexual e tratos inhumanos.