O furacán Irma bate en Cuba e obriga a evacuar un cuarto da populación de Florida

Nas últimas horas, xusto cando golpeou o norte da maior das Antillas, o furacán Irma recobrou intensidade e voltou a se situar na categoría 5, a máxima da escala Saffir. É a primeira vez nun século que un furacán categoría 5 atinxe Cuba. Está previsto que alcance a costa de Florida esta noite. Un cuarto da populación dese estado norteamericano ten de ser evacuada.

As informacións disponíbeis até o momento indican que a pasaxe de Irma, un furacán con ventos de até 250 quilómetros por hora, non deixou nengunha vítima mortal en Cuba. O fenómeno alcanzou o norte do país, o arquipiélago de Camagüey. A temperá evacuación das populacións decretada polo goberno da Habana funcionou á perfección e voltou a mostrar o alto grao de organización dos servizos de emerxencia cubanos, moi afeitos a se despregar perante as inclemencias meteorolóxicas.

 

Mais a historia aínda non concluíu. Irma vai chegar tamén á capital cubana e prevense ondas de 5 metros e inundacións costeiras que poderían adentrarse até medio quilómetro terra adentro.

 

Cando abandone Cuba este domingo, o furacán rumará en dirección ao estado de Florida. A previsión é que atinxa territorio dos EUA pola mañá e cruce inteiro Florida ao longo de 30 horas de ventos devastadores. As autoridades ordenaron a evacuación de 5,6 millóns de persoas, un cuarto da populación deste estado que se acha a apenas 100 millas mariñas da maior das Antillas. Tamén no estado de Georgia por volta de 540.000 persoas terán de abandonar as súas casas para se poren a salvo do fenómeno.

 

Na súa pasaxe polo Caribe -Barbados, Porto Rico, Illas Virxes Británicas...-, o Irma matou no mínimo 23 persoas.