O Goberno alemán, ao bordo do colapso: dimite o liderado dos Verdes e o FDP dubida se seguir no Executivo

Omid Nouripour e Ricarda Lang, líderes dos Verdes alemáns, a cuarta feira en Berlín ao anunciar a dimisión conxunta de toda a dirección. (Foto Fabian Sommer / DPA vía Europa Press)
As enquisas sosteñen que as tres forzas da coalición gobernamental non chegarían a 30% dos votos.

A pesar de que a vitoria pola mínima —tras unha repunta nas últimas semanas— do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) no Estado de Brandeburgo, por diante da ultradereita de Alternativa para Alemaña (AfD), permitiu respirar ao Goberno dirixido por Olaf Scholz (SPD), cada vez máis acurralado, a cuarta feira foi un dos socios da coalición, Os Verdes, o que desatou unha nova crise ao anunciar o seu liderado, conformado por Omid Nouripour e Ricarda Lang, que "é hora de pór o destino deste gran partido en novas mans".

Amais de incidir en que foi a dirección, que dimitiu en grupo, quen determinou que "é necesario un novo comezo", subliñando que "é preciso e posíbel superar esta crise", Nouripour detallou que as votacións do domingo en Brandeburgo, nas que ficaron fóra dun Parlamento territorial no que levaban desde 2009, "é mostra da crise máis profunda do noso partido nunha década".

Con todo, a súa saída non será inmediata, continuarán á fronte da formación até novembro, cando xa estaba previsto un congreso interno. Ningunha das dúas forma parte do Executivo de Scholz, polo que a renuncia non afecta os cinco postos que ten o grupo, denominado oficialmente Alianza 90/Os Verdes.

É precisamente o seu traballo no Gabinete, encabezado polas súas antecesoras, Robert Habeck e Annalena Baerbock —que deixaron o liderado ao asumir as súas carteiras ministeriais—, o principal eixo arredor do que pivota a perda continuada de apoios desde 2021.

En abril dese ano as enquisas outorgábanlles arredor de 25% dos sufraxios. Mais esta alza non era nova, pois nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2019 xa superaran 20%. Non obstante, en setembro de 2021, nas eleccións federais, a candidatura liderada por Baerbock quedou por baixo de 15% na terceira posición, dez puntos por detrás do SPD e da Unión (Unión Demócrata Cristiá e Unión Social Cristiá de Baviera, CDU/CSU). Foi, en todo caso, un resultado histórico para o grupo, que catro anos antes roldara 9%.

Nese sentido, os tres comicios rexionais de setembro constataron a caída do seu apoio. No caso de Turinxia, que como Saxonia convocou a cidadanía ás urnas o 1 de setembro, Os Verdes quedaron fóra dun lexislativo no que levaban desde 2009 con 3,2%, moi por baixo do limiar mínimo de 5% que permite acceder ao órgano. Xa en Saxonia, limitaron a caída e foron quen de manterse pola mínima (5,1%) na Cámara, mais perdendo cinco escanos dos 12 que ostentaban.

A caída ten símiles coa do liberal Partido Demócrata Libre (FDP), que en Turinxia apenas chegou a 1,1%, perdendo a representación coa que se fixera en 2019, e en Saxonia, con 1,4%, volveu ficar fóra, o mesmo, coa mesma porcentaxe, que en Brandeburgo.

A un nivel máis modesto, a suba nos últimos anos dos Verdes tamén foi da man da do FDP, ao que un mes despois de conseguir 11,5% nas federais de 2021 as sondaxes xa o colocaban perto de 14%. O seu mellor resultado foi en 2009, o que lle permitiu formar unha coalición coa CDU/CSU, coa que sumaba maioría absoluta, con 14,5%. Catro anos despois ficaban excluídos do Bundestag por primeira vez desde a súa fundación en 1948, ao absorber unha porción significativa do seu electorado a AfD no seu ascenso.

O certo é que o nerviosismo tamén se espallou polos liberais, que debaten internamente se continuar na coalición gobernante, cuxa maioría absoluta depende deles. Martin Hagen, o seu responsábel en Baviera, xa reclamou abertamente abandonar o Executivo, facendo énfase en que nos últimos tres anos a súa formación "é castigada en cada elección rexional", algo que "non se debe ao traballo local", senón a que "a xente rexeita con claridade a coalición".

Ao respecto, o seu líder a nivel federal e ministro de Finanzas, Christian Lindner, remarcou que "hai que ter o valor de seguir a traballar nunha coalición controvertida se un ten a convicción de que se pode lograr algo", pero "tamén hai que ter o valor de, cando se ve que as posibilidades están esgotadas, desatar unha nova dinámica".

Unha coalición morta

A un ano das vindeiras eleccións federais —conforme ao calendario—, o apoio entre a poboación ao primeiro Goberno tripartito do país é mínimo, con só 3% defendendo que a coalición é boa para o futuro da República Federal, reflicte unha enquisa do xornal Frankfurter Allgemeine Zeitung. O traballo revelou ademais que 35% rexeita baixo calquera circunstancia que Os Verdes entren no seguinte Executivo. Tamén se cuestiona fortemente a combinación entre ecoloxistas e liberais, pois só 5% apoiaría que participasen conxuntamente nun Goberno liderado pola CDU/CSU.

O director do grupo parlamentario federal dos conservadores, Thorsten Frei, sostivo que coa dimisión da dirección ecoloxista "a coalición desfaise ante ás cámaras", e pediu a dimisión de Baerbock e Habeck do Gabinete. Ao tempo, a CSU xa exixe un adianto electoral.

No seo dos Verdes, onde Baerbock confirmara en xullo que non se presentaría á Chancelaría, Habeck recoñeceu onte a súa "responsabilidade" na situación mais fixo pública a súa "posíbel candidatura". Entre tanto, o analista Alan Posener advertiu no xornal Die Welt que non precisan só unha nova dirección, senón "tamén unha nova visión do mundo".

En paralelo, o SPD, dentro do que xa apareceron as primeiras voces reclamando que Scholz non sexa o candidato en 2025, insiste en que non hai unha crise no Goberno federal alemán.

Despedimentos masivos na industria e unha economía ao bordo da recesión

Alemaña está no limiar da recesión, recoñeceu no seu informe de setembro o Bundesbank, que citou a baixa demanda interna ou os malos datos en sectores como a construción e as manufacturas como síntomas das "augas difíciles" nas que se atopa a súa economía.

Ademais, a produción industrial, chave no seu crecemento, está a caer. No caso de Volkswagen desvelouse que programa despedir 30.000 persoas, ao que hai que engadir 12.000 no provedor de repostos ZF, 8.100 en BMW, 7.000 en Continental, 4.900 en Telekom, 4.000 en Bosch ou 2.600 en BASF.

Martin Sander, director de vendas da primeira destas compañías, indicou que un dos factores chave que precisan para manterse é teren prezos de enerxía competitivos.

Até a invasión rusa de Ucraína, Alemaña levaba unha década cimentando o crecemento das súas industrias con gas natural ruso por gasoduto, máis barato que o trasladado por vía marítima, mais esta posibilidade desapareceu co atentado ao gasoduto Nord Stream a finais de 2022, do que a Xustiza alemá acusa Kíiv, país ao que apoia militarmente Berlín, cuxo Executivo seguiu a liña marcada por Washington neste asunto.

A suba do prezo da enerxía levou o Goberno alemán a prolongar a vida útil de centrais eléctricas de carbón que programaba fechar e reactivar outras, o que afectou especialmente aos Verdes, principais defensores da transición a enerxías renovábeis. Neste contexto, e como fixera con anterioridade a Unión Europea (UE) co pacto migratorio, o Executivo endureceu as normas migratorias en liña coas demandas da ultradereita coa esperanza de frear a súa suba.