O goberno corso critica a “lóxica represiva” de París pola detención de 19 independentistas

Imaxe: Corse

As persoas detidas ficaron en liberdade o meso día da operación. O presidente de Córsega, Gilles Simeoni, advirte Francia sobre unha que vía implica “riscos políticos”.

As forzas de seguridade francesas detiveron esta semana en Córsega 19 mozos independentistas dentro dun operativo relacionado cuns incidentes acontecidos en 2016 na zona de Corti. A maior parte dos arrestos producíronse nos fogares dos mozos, cun gran despregamento de medios e axentes. Todas as detidas, boa parte delas militantes de  Ghjuventù Indipendentista (GI) , ficaron en liberdade no mesmo día do operativo.

Gilles Simeoni, presidente do goberno corso, criticou o operativo, afirmando que o mesmo non tiña fundamento algún e advertindo París de que a “lóxica represiva” era un camiño que implicaba “riscos políticos” e “degradación”. Desde GI fálase de  “grave provocación” de Francia contra o pobo corso.

Máis de 70 detidas nos últimos meses

O presidente corso lembra que “en poucos meses, máis de 70 mozos foron sometidos a medidas de coacción: custodia, cheques penais, encarceramentos” e considera que é “urxente resolver a situación tensa”.

Nas eleccións de decembro de 2015 o nacionalismo foi a opción máis votada, pasando a gobernar Córsega por primeira vez na súa historia. 'Pè a Corsica', unión de autonomistas, nacionalistas e independentistas, obtivo o 35,3% dos votos na segunda volta das rexionais francesas, impóndose á esquerda, dereita e extrema-dereita francesa. O alcalde de Bastia, o nacionalista Gilles Simeoni, pasou ser o novo presidente da illa.