O Goberno español culpa os Mossos por non pedir axuda para deter Puigdemont após o fracaso da operación

O maxistrado Pablo Llarena. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
Junts cualifica Llarena de golpista por bloquear a aplicación da amnistía.

O Ministerio do Interior español enviou a terza feira o informe que requirira o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena, instrutor da causa xudicial polo proceso de autodeterminación catalán, tras o fracaso da operación policial para deter o ex presidente de Catalunya, Carles Puigdemont (Junts), que participou nun acto a semana pasada en Barcelona antes de regresar ao exilio no que se atopa hai case sete anos, no que asegura que os Mossos d’Esquadra rexeitaron a súa oferta de brindar por medio da Policía Nacional e da Garda Civil “calquera apoio operativo” para arrestar o ex mandatario.

O documento do Ministerio que dirixe Fernando Grande-Marlaska (PSOE) profunda na posición marcada polo ministro de Xustiza e Presidencia, Félix Bolaños (PSOE), que xa fixera énfase en que as competencias de seguridade en Catalunya son responsabilidade dos Mossos d'Esquadra.

Operativo das forzas de seguridade estatais

Ao respecto, mantén que por ese motivo resolveu non ordenar a implementación dunha operación paralela nas inmediacións do Parlament, no que esa xornada foi elixido presidente Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE), unha vez que os Mossos informaron do operativo que deseñaran para a detención.

Iso si, ao constatar que Puigdemont lograra evitar a operación policial desenvolveuse un operativo conxunto das forzas de seguridade estatais perto do lexislativo e Interior intensificou os controis policiais “nas contornas de todos os pasos fronteirizos, incluídos portos e aeroportos”. Sexa como for, non chegou a detectar Puigdemont.

"Tejero sen bigote"

En paralelo, Junts acusou Llarena de “[Antonio] Tejero sen bigote”, definindo como “covarde” o Executivo español por permitir que o maxistrado bloquee a implementación da lei de amnistía.