O Goberno español traslada a Bruxelas de forma oficial a candidatura a comisaria europea da vicepresidenta Teresa Ribera

A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Nun vídeo difundido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográdico (Miteco), Ribera asegurou que ser candidata no próximo Executivo de comisarios e comisarias “é un orgullo e unha gran honra”.

O Goberno español trasladou esta cuarta feira oficialmente á Comisión Europea a candidatura da actual vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, como comisaria no novo Executivo de Ursula von der Leyen.

Nun vídeo difundido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográdico (Miteco), Ribera asegurou que ser candidata no próximo Executivo de comisarios e comisarias “é un orgullo e unha gran honra”.

"É un momento importante para Europa, onde debemos traballar xuntos para facer realidade o soño europeo", afirmou Ribera. O colexio "deberá afrontar os grandes desafíos do momento" e facer realidade "un continente de progreso, prosperidade e benestar para todos os cidadáns", concluíu.

Clima e enerxía

Con Ribera, que foi cabeza de lista do PSOE nas eleccións europeas pero renunciou ao escano coa vista posta en formar parte do Executivo comunitario, o Goberno español aspira a colocar a actual ministra nunha carteira de peso relacionada con cuestións de clima ou enerxía.

Xunto a Croacia, Finlandia, Suecia e Portugal, o español é dos poucos Estados membro que presentou unha muller para formar parte do novo colexio de comisarios e comisarias, algo que pon en xaque a intención da popular alemá de contar cun Executivo paritario.

Von der Leyen ten agora na súa man a repartición de cargos e carteiras e púxose de prazo mediados de setembro para finalizar a confección do seu próximo Executivo. Os elixidos e as elixidas deberán logo someterse ao exame do Parlamento Europeo en outubro.

Ribera erixiuse en protagonista durante as negociacións coa Comisión Europea para lograr a coñecida como excepción ibérica ao gas, pola que os Estados español e portugués se beneficiaron dunha medida temporal para desligarse dos mercados eléctrico europeo e baixar o recibo da luz. A iniciativa foi aprobada en xuño de 2022 e estendeuse até finais de 2023.

Con todo, a actual ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfica tamén foi albo das críticas durante os últimos anos pola súa defensa do desenvolvemento da enerxía eólica mariña e terrestre aínda por riba dos intereses socioeconómicos e ambientais, segundo denuncian colectivos ecoloxistas ou o sector pesqueiro galego.