O Goberno estadounidense avalía dividir Google tras ser condenada por monopolio

A sede central de Alphabet (Google) en California (EUA). (Foto: JHVEPhoto)
Prácticas ilegais para acabar coa competencia.

Menos de dúas semanas despois de que un tribunal estadounidense a condenara por pagar milleiros de millóns de dólares para suprimir a competencia do seu motor de busca, medios internacionais recolleron a cuarta feira que o Departamento de Xustiza dos Estados Unidos está a estudar a división de Alphabet, a matriz de Google, YouTube, Android ou Chrome, para evitar as prácticas ilegais co fin de manter o monopolio.

Precisamente estas dúas últimas iniciativas son, segundo a axencia Bloomberg, as que concentran máis posibilidades de que sexa forzada a súa separación, unha división que a Xustiza estadounidense xa intentara sen éxito con Microsoft. Ao tempo, outra das opcións que manexa é obrigar Alphabet a compartir o uso dos seus datos coas empresas competidoras.

Este proceso só triunfou dúas veces no país, a última en 1984, cando AT&T foi dividida en sete empresas, e a primeira en 1911, cando a Standard Oil deu paso a 34 sociedades, multiplicando a riqueza do seu impulsor, John D. Rockefeller. Unha delas é ExxonMobil, condenada por verter residuos tóxicos pola Xustiza ecuatoriana.