Grecia: eleccións o 20 de setembro e sondaxes prognostican vitoria de Syriza

O presidente grego disolveu o Parlamento. As enquisas dan a Syriza entere o 22 e o 24% dos votos e a Nova Democracia entre o 19 e o 22 por cento. 'Unidade Popular' obtería entre o 3,5 e o 4,5% e o KKE entre 4 e 5%.

O presidente grego, Prokopis Pavlópulus, disolveu esta sexta feira o Parlamento e convocou eleccións anticipadas para o 20 de setembro. A Cámara que xorda dos comicios constituirase o 1 de outubro. Pouco antes de disolver o Parlamento, Pavlópulos tomou xuramento ao novo equipo de dez ministros que gobernarán canda a primeira ministra Vasilikí Zanú de forma transitoria o país heleno. O nomeamento dun executivo interino é preciso en Grecia cando a disolución do Parlamento vén da demisión dun primeiro ministro.

As enquisas que se están a publicar apontan a unha vitoria de Syriza, malia coincidir en que rexistra unha perda de apoios desde os comicios de xaneiro e desde as sondaxes que desde aquela e até hai pouco lle outorgaban un aumento na intención de voto. Así, a enquisa do instituto demoscópico ProRata para o medio 'Efymerida Ton Syntakton' sinala que Syriza obtería un 23% dos votos (nos comicios de xaneiro tivo 36,3% e en xullo sondaxe de Palmos dáballe un 42,5%). O traballo de Metron Analysis, pola súa parte, concédelle o 24% dos votos, o que se traduciría en 129 escanos, 20 menos que nos comicios de xaneiro. A maioría absoluta está en 151 deputad@s.

Este mesmo traballo concede a Nova Democria 75 escanos e a ultra-dereita de Mencer Dourado, 23 (22% e 6% dos votos respectivamente). Os centristas de To Potami atinxirían 18 escanos, por 16 do KKE e 15 do Pasok. A Unidade Popular -nada da escisión da ala esquerda de Syriza- lograría o 4,5% dos votos e 11 parlamentares, número inferior ao de deputad@s escindid@s.


A anteriormente mencionada enquisa do instituto demoscópico ProRata, que daba a Syriza un 23% dos votos, dalle a Nova Democrcia un 19,5% -nos comicios de xaneiro lograra o 27,8%- e a Mencer Dourado un 6,5%. O KKE andaría no 5% dos apoios nas urnas e o PSOK caería até o 4%, mesma porcentaxe que Ton Potami. Esta sondaxe di que a Unidade Popular acadaría apenas un 3,5% dos apoios nas urnas e que Gregos Independentes -socios de goberno de Syriza nestes meses- ficaría fóra do Parlamento.