Greve xeral en Grecia contra a nova vaga de recortes

O protesto tivo especial incidencia no sector público, nomeadamente en Atenas. Miles de persoas manifestáronse na capital grega e en Salónica.

O goberno de Syriza afronta esta quinta feira a súa primeira greve xeral. Un paro convocado polos sindicatos contra os recortes e o 'austericidio' e que contaba co apoio do propio partido gobernante. 'Syriza contra Syriza', reducían medios helenos e estranxeiros a xornada nun resumo fácil e non verídico coa realidade da greve que se viviu en Grecia.

Máis de 20.000 persoas manifestátonse en Atenas e por volta de 10.000 en Salónica nun protesto que tivo especial incidencia nos servizos públicos. Mais tamén en determinados sectores do eido privado tivo repercusión a greve. En Atenas houbo incidentes entre policía e manifestantes ao finalizar a mobilización.

Desde os sindicatos convocantes, argumentouse a greve como necesidade de dar “unha reposta á insistencia dogmátiva en políticas destrutivas e sen saída que espremen os traballadores e levan os máis mozos á desesperanza”.

As medidas que están a ser negociadas entre Atenas e a Troika son froito do programa acordado polo executivo de Alexis Tsipras e os seus socios europeos e que o goberno de Syriza se comprometeu a cumprir para obter o financiamento que precisa. Mais Alexis Tsipras sempre manifestou o seu desacordo con moitas das medidas,embora comprometerse a aplicalas. Por iso a insólita situación de que o partido que apoia o goberno, Syriza, manifestou apoio á greve marcada para protestar contra a política que aplica o goberno de Syriza.