A 'Grosse koalition' recebe unha labazada en Berlín

A. Merkel

CDU e SPD sofren importantes retrocesos nas eleccións rexionais berlinesas. A dereita xenófoba, AfD, entra na Cámara e xa está presente nos parlamentos de 10 dos 16 länder alemáns. 

As eleccións rexionais en Berlín supuxeron unha labazada para o SPD e unha puñada para a CDU. Os socialdemócratas perderon seis pontos a respecto dos comicios de 2011 e rexistraron os seus peores resultados desde a fin da II Guerra Mundial na cidade (21,6%), mais mantivéronse como a organización máis votada e teñen nas mans recuncar no goberno. Non así a CDU de Merkel (socia menor no executivo de coligazón berlinés ), que cae en máis de 6 puntos en comparanza cos comicios de hai cinco anos. Obtén o 17,6% dos sufraxios, o seu peor resultado nunhas rexionais berlinesas. E fica fóra do mapa para ser socia de goberno do SPD en Berlín. Todo un tremor político para os demócrata-cristiáns, que acumulan desde hai un ano maos resultados nas rexionais. O que fai cundir o nervisosismo nun partido que ve como se lle fugan votos a mans cheas cando dentro dun ano hai comicios para elexer nova ou novo chanceler de Alemania.

SPD e CDU sumaban en 2011 o 52% dos votos e 86 escanos de 160. Este domingo a suma de ambas as dúas forzas era 39,2% dos sufraxios e 69 deputados

A terceira forza nas eleccións foi Die Linke, que desbanca Os Verdes, que cae ao cuarto posto cun 15,2% (17,6% tiveran hai cinco anos). A Esquerda aumentou en case 4 puntos e atinxiu o 15,6% dos votos, sendo a opción máis votada en distritos do leste de Berlín. Ten 27 deputados, 8 máis que en 2011. 

Entra na cámara berlinesa a dereita xenófoba da AfD, que conqueriu o 14,2% dos votos e faise con 25 dos 160 escanos da Cámara. Creado hai tres anos, e cabalgando nun discurso anti-inmigración e xenófobo, Alternativa para Alemania (AfD) ten presenza no parlamento de 10 dos 16 estados alemáns. Hai dúas semanas, en Mecklemburgo-Pomerana Occidental, a AfD superaba o CDU e pasaba ser segunda forza.

Os liberais lograron o 6,7% dos votos e volven entrar na Cámara berlinesa após 5 anos de ausencia. Desparece o Partido Pirata, que en 2011 obtiveron o 9% dos apoios nas urnas e 15 escanos. A participación foi alta, o 66,9%, case 7 puntos máis que hai cinco anos.