O secretario xeral da ONU alerta en Tonga de que "os mares darannos o noso merecido"

António Guterres a segunda feira. (Foto: Ben Mckay / AAP / DPA vía Europa Press)
Advirten aos grandes contaminadores dunha catástrofe mundial.

As illas do océano Pacífico emiten menos de 0,02% das emisións anuais de dióxido de carbono, un dos principais gases de efecto invernadoiro.

Porén, o quecemento global e a suba do nivel do mar que supón pon en risco nalgúns casos a súa existencia. “Os mares en aumento darannos o noso merecido”, subliñou a terza feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres.

Amais de advertir aos grandes contaminadores que ou reducen as emisións ou terán que afrontar unha catástrofe global, Guterres emitiu “un SOS mundial” pola alza do nivel do mar na segunda xornada da reunión en Tonga de líderes do Foro das Illas do Pacífico, que agrupa 18 Estados e territorios, entre eles Australia e Nova Zelandia, nun cumio que remata a sexta feira.

O secretario xeral do organismo internacional fixo fincapé en que a temperatura do océano está a medrar nas illas do Pacífico tres veces máis rápido que a media global, así como en que, de non haber mudanzas no ritmo de emisións, o mar medrará 15 centímetros até 2050 nesa zona, algo especialmente preocupante para Estados como Tuvalu, no que o punto máis alto do país non alcanza os cinco metros.

Máis de 200 falecementos en 2023

Un informe publicado en paralelo pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) revelou que en 2023 houbo máis de 34 ameazas climáticas extremas na zona como tormentas e inundacións que causaron máis de 200 falecementos.

“As actividades humanas debilitaron a capacidade do océano para sosternos e protexernos”, e a suba do mar está a “transformar un amigo de toda a vida nunha ameaza crecente”, apuntou Celeste Saulo, secretaria xeral da OMM.