Hamburgo, en 'estado de excepción' para frear os protestos nos barrios do centro

O goberno decretou o centro da cidade como ‘zona de perigo’, limitando dereitos fundamentais á vez que centos de anti-disturbios toman tres barrios para acalar a revolta urbana que estoupou nos últimos días de 2013 co peche dun centro social como detonante.

Unha manifestación de máis de 10.000 persoas protestaba a finais de decembro contra o peche de ‘Rote Flora’, un centro social e cultural de Hamburgo cunha ampla traxectoria de 24 anos en actividades a pé de barrio. A mobilización deveu en duros enfrontamentos entre antidisturbios e manifestantes (desde Die Linke e Os Verdes apuntan á extra-limitación da Policía, á que responsabilizan do acontecido). Houbo máis de 600 ferid@s, 120 policías e 500 manifestantes. A raíz de aí, e nos seguintes días, houbo diferentes enfrontamentos en diversos puntos da cidade. As autoridades mesmo chegaron a falar de terrorismo de baixa intensidade e responsabilizar dos mesmos a colectivos da autonomía libertaria e extrema esquerda.

A policía pode mesmo deter a unha persoa sen que haxa sospeitas concretas. En 48 horas axentes rexistraron 400 persoas e decretaron restricións de viaxe a 90

A resposta que as autoridades deron (Hamburgo está gobernada polo SPD, social-demócrata) fixo ficar pampos mesmo a partidos como o FDP (liberal). Decretouse o ‘Danger zone’ para o centro da cidade (especie de ‘estado de excepción’), botouse man de medidas parellas o ‘toque de queda’ e autobuses cargados de antidisturbios procedentes doutras rexións alemañas arribaban a esta cidade portuaria para “impoñer a lei”, en palabras do executivo local.

Por volta de 50.000 hamburgueses estarían sometidos a 'Generalverdacht' (sospeita), segundo o diario 'Die Zeit'

Centos de anti-disturbios teñen tomados os barrios de ST. Pauli (bastión da esquerda alternativa, o que fica patente mesmo na súa equipa de fútbol), Altona e Sternschze. Están limitados algúns dereitos fundamentais (reunión, manifestación...) e as autoridades pediron á cidadanía que non saia da casa alén das 20:00 horas.

Abraiados

Die Linke considera a situación “escandalosa” e xa anunciou que mesmo recorrería á xustiza para denunciar os feitos. Tamén Die Grünen (Os Verdes) denunciou que o que está a acontecer é “unha restrición de movementos a multitude de cidadáns de forma arbitraria”. Os liberais do FDP falan de medidas “desproporcionadas”.

O avogado Andreas Beuth, que representa, entre outros, os activistas do Rote Flora, considera que a Policía está a criminalizar todo un movemento e a distorsionar e falsear novas de enfrontamentos para impor unha 'zona de perigo' que lles permita desmantelar o tecido asociativo.