Harris e Trump afrontan o posíbel único debate na campaña presidencial

A vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, nun acto recente de campaña en Filadelfia. (Foto: Ricky Fitchett / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
O ex presidente dos EUA volve colocarse á fronte da intención de voto.

Ás 3 da mañá da cuarta feira na Galiza (9 da noite da terza na costa leste estadounidense), comezará en Filadelfia, no Estado de Pensilvania, o que a axencia AP remarcou que “quizais” sexa o único debate entre a candidata do Partido Demócrata, a vicepresidenta Kamala Harris, e o do Partido Republicano, o ex mandatario Donald Trump, na campaña electoral das presidenciais que decorrerán o 5 de novembro.

Precisamente un debate, mais daquela entre Trump e o actual presidente Joe Biden -elixido polas bases como candidato á reelección nas primarias- a finais de xuño, foi o que desencadeou unha operación dos altos cargos demócratas para que Biden renunciara á candidatura após o seu mal desempeño, que multiplicou as dúbidas sobre a súa capacidade mental para xestionar o país unha nova lexislatura.

Nesta ocasión, a disputa chega cando a alza nas enquisas de Harris a raíz da renuncia e da súa posterior designación está a “arrefriarse”, subliña o xornal The New York Times.

A enquisa efectuada polo medio e o Siena College e publicada o domingo é a primeira a nivel federal en arredor dun mes na que Trump se sitúa por diante, 48% a 47% da intención de voto.

A sondaxe revela un dos puntos clave da campaña de Harris e no que centrou boa parte da súa enerxía desde a Convención Nacional Demócrata: Explicar as políticas que aplicará. Case 30% das e dos votantes probábeis sostivo que precisa saber máis dela.

Cambios de posición

Ao respecto, un dos aspectos máis criticados da candidata é o seu cambio de postura en diversos temas, como o fracking, a sanidade pública ou o cambio climático, mentres que Trump insiste en que as súas posicións anteriores eran de 
“esquerda radical”.