Hollande e Valls aproveitan o cambio de goberno para reforzar o xiro á dereita

O primeiro ministro francés substituíu os 3 ministros críticos cos recortes e as medidas de austeridade. Á fronte de Economía estará E. Macron, ex-banqueiro e partidario da ortodoxia de rigor orzamentaria.

Manuel Valls e François Hollande fixeron limpeza no executivo francés. Non queda ningún ministro crítico coas políticas e medidas de recortes que desenvolve o executivo socialista galo. Os titulares de carteiras que nestas semanas mostraran en público o seu malestar e oposición a esa liña política por entenderen que era sumisa a Merkel e que castigaba @s máis necesitad@s veñen de saír pola porta pequena. No seu lugar, primeiro ministro e presidente de Francia elexen recambios partidarios do modelo de Valls e Hollande. Non hai lugar para críticos, o que leva a medios galos a se preguntar se esa volta de porca non terá repercusións no Partido Socialista, cun sector para nada contento coa liña de Valls e Hollande.

Manuel Valls substituíu os 3 ministros críticos (Economía, Educación e Cultura). Para Economía nomeou a Emmanuel Macron, ex-socio da banca Rothschild, bo coñecedor do entramado da UE e con bos contactos en Bruxelas. É, aliás, defensor da ortodoxia de rigor orzamentario (o ‘austericidio’), algo no que coincide co ministro de Fianzas, Michel Sapin. Os círculos empresariais franceses amosaron xa a súa satisfacción polo nomeamento de Macron, mentres que o deputado socialista Laurent Baumel cualificou o nomeamento de “provocación”.

Valls xa ten así o executivo ao seu gosto para levar a cabo as encomendas: recortar 50.000 millóns de euros en tres anos e medidas de ventaxes fiscais e cotización que favorecerán empresas por valor de 41.000 millóns.