Horas de máxima tensión en Ucraína

Ucraína

Washington eleva o nivel de advertencia a Rusia: ''Estamos preparados para actuar''. Kiev intensifica as operacións militares contra os rebeldes. Moscú realiza manobras militares na fronteira.

Horas de escalada de tensión en Ucraína. Os diferentes actores no conflito aumentaron o nivel de advertencias e ameazas. Tamén os feitos se suman a esta espiral de tensión: as fozas armadas ucraínas mataron a cinco rebeldes en Slaviansk (cidade de 120.000 habitantes que os 'pro-rusos' teñen como bastión). Kiev anunciou que o que cualifica como 'operación anti-terrorista' vai seguir en todo o leste de Ucraína.

Mentres, Moscú (que advertiu ao goberno ucraíno dos perigos de empregar a forza contra a poboación de Donetsk) inicia manobras militares na fronteira con Ucraína. Desde un principio, Vladimir Putin asegurou que defenderían á poboación desa zona de Ucraína (e maioritariamente pro-rusa) se era atacada por Kiev.

E Occidente segue a meter o pau no conflito. O secretario de Estado de EUA, Jhon Kerry, cargou máis unha vez contra Moscú, no que ve o único responsábel do conflito, e anunciou novas e máis duras sancións contra Rusia. E tamén quixo advertir do custo desa estratexia a Moscú. “Estamos preparados para actuar”, dixo Kerry nestes días de despregamento de forzas armadas da OTAN nos países da contorna de Ucraína. Desde a Unión Europea o discurso é de acusar a Moscú de “instigar aos terroristas”.

Donetsk e Lugansk son os territorios 'alzados' contra Kiev, con ducias de edificios e organismos oficiais ocupados desde hai días polos rebeldes.