Hospitalizan o ex presidente uruguaio Pepe Mujica

O ex presidente do Uruguai, Pepe Mujica. (Foto: Gerardo Luna / NOTIMEX / DPA vía Europa Press)
O home que dirixiu o país entre 2010 e 2015 sofre as consecuencias do agresivo tratamento de radioterapia ao que tivo que someterse para combater o tumor de esófago que se lle diagnosticara o pasado abril.

O ex presidente do Uruguai José Pepe Mujica foi ingresado esta segunda feira nun hospital da capital do país, Montevideo, por complicacións derivadas do tratamento de radioterapia ao que se someteu para combater un tumor de esófago que anunciou que padecía o pasado 29 de abril, segundo informa o xornal uruguaio El Observador.

A evolución a respecto a esa doenza "foi moi boa", precisou en declaracións á axencia EFE a súa doutora, Raquel Pannone, quen sinalou que Mujica, que dirixiu Uruguai entre os anos 2010 e 2015, está a ser controlado "día a día" por persoal médico. Con todo, a rehabilitación, dixo, "estalle custando moito".

"A radioterapia xerou algúns síntomas que non está terminando de superar. Non é pola súa enfermidade de base [o tumor de esófago], nin porque teña ningunha outra complicación", aclarou Pannone, sobre un tratamento que admitiu que "non é inocuo" e que se ve tamén condicionado polas patoloxías previas do ex presidente.

Pepe Mujica xa fora hospitalizado a pasada semana polo mesmo motivo, mais na sexta feira recibiu a alta e foi enviado á súa casa con soro. Porén, volveu ser ingresado debido a que o persoal non puido seguirlle subministrando o soro, pois a vasculite que tamén sofre dificulta que se atopen as veas.