Os hutís e o Goberno de Adén pactan un intercambio de presos no Iemen

Edificio destruído en Saná (Iemen) por un bombardeo en marzo do pasado ano, antes de asinarse unha tregua. (Foto: Hani Al-Ansi / dpa)
Case 900 prisioneiros de ambas as partes participarán no troco.

O voceiro do movemento hutí, Abdul Qadir al Murtada, que controla a capital do Iemen, Saná, e o principal negociador do Executivo instalado en Adén e apoiado por Arabia Saudita e os países occidentais, Majed Fadael, confirmaron a segunda feira un acordo para intercambiar 887 presos da guerra no país froito das negociacións en Suíza coa mediación da Organización das Nacións Unidas (ONU) e do Comité Internacional da Cruz Vermella.

O representante dos hutís debullou que entregarán 181 detidos, entre eles 15 cidadáns sauditas e tres sudaneses, a cambio de 706 presos en mans de Adén.

As conversas a distintos niveis para acabar cun conflito bélico que supera os oito anos de duración e que converteu o país no epicentro da peor crise humanitaria no planeta segundo as organizacións internacionais profundáronse desde o pacto asinado hai dúas semanas entre Irán e Arabia Saudita na China para normalizar as súas relacións, un aspecto clave para o desenvolvemento da guerra polo apoio de Teherán aos hutís -que Irán nega- e de Riad ao Gabinete de Adén, que motivou a súa entrada na guerra, na que lanzou máis de 25.000 bombardeos aéreos contra territorio iemení.

Así e todo, fontes gobernamentais de Adén advertiron que Riad está a negociar directamente a fin das hostilidades, polo que podería asinar cesións que non están dispostos a aceptar.

Hans Grundberg, enviado especial da ONU, declarou no Consello de Seguridade da institución que se están a desenvolver inxentes esforzos diplomáticos para pór fin á guerra, despois de que a ONU encabezara as negociacións que permitiron alcanzar unha tregua en abril de 2022 que se prolongou até outubro.