O independentismo quebequés duplica escanos nas eleccións canadianas

O Bloc Quebecois atinxiu 10 parlamentares fronte aos 4 que lograra en 2011. O Partido Liberal gañou con contundencia os comicios, derrotando o gobernante Partido Conservador. 

As eleccións federais de Canadá deixaron un claro derrotado: o primeiro ministro Stephan Harper e o gobernante Partido Conservador, que obtiveron 99 escanos fronte aos 166 que tiñan desde 2011. Unha forte queda de 67 deputad@s que supón tamén a perda de goberno fronte a un dos grandes triunfadores destes comicios: Justin Trudeau e o seu Partido Liberal, que pasaron de ter 34 parlamentares durante a lexislatura que acaba a obter 184 nas eleccións deste domingo: unha ampla maioría absoluta que lle permitirá gobernar con comodidade.

Mais o outro triunfador destes comicios foi o independentismo quebequés, representado polo Bloc Quebecois e que logrou 10 escanos, seis máis dos que tiña até agora (4). Unha vitoria que logrou, aliás, cun mensaxe nidiamente independentista a cargo do seu líder Gilles Duceppe. “A independencia é esencial”, sostivo ao longo da campaña, á vez que chamaba a ter unha representación forte no Parlamento federal de Ottawa para pular por ese obxectivo. O BQ tivo o 4,9% dos votos a nivel federal (menos que en 2011). A porcentaxe de sufraxios que atinxiu en Quebec foi do 20,6 por cento. Moi lonxe do 49 por cento que tiña o independentismo a comezos da década dos noventa.

De feito, o Bloc (unha organización que se ubica no centro-esquerda) está moi lonxe de igualar os resultados que obtivo nas eleccións federais de 2006 e 2008, cando lograra 51 e 49 escanos. A terceira forza nestes comicios foron os social-demócratas de 'Nova Democracia', que lograron 44 escanos, unha perda de 59 deputados enc omparación cos logrados en 2011 (103 parlamentares). O Partido Verde mantén o seu deputado no Congreso federal canadiano.

Perda de poder

Nas eleccións quebequesas de 2014 o soberanismo perdera o goberno fronte ao Partido Liberal. Os independentistas do Partido Quebequés pasaran de 54 a 30 escanos, mentres que os liberais aumentaban de 50 a 70. A coligazón de centro-dereita Avenir Quebec atinxiu 22 deputad@s (3 máis que nas anteriores eleccións) e os independentistas do 'Quebec Solidario' aumentaran a súa representación nun parlamentar, obtendo 3.